Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

09/04/2015

Arranca a nova tempada do InLugo con actividades gratuítas para maiores en Concellos e parroquias de Lugo

  • archivos/fotos/grandes/2368_IMG_0703.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2368_IMG_0703.JPG







-Os maiores das parroquias de San Pedro de Mera, Santa María de Bóveda, San Xóan do Campo, Poutomillos, Santa Comba e Coeses son os destinatarios dos primeiros cursos desta nova etapa xestionada pola Fundación TIC con fondos 100% provinciais
-Esta fin de semana comezan en Friol as actividades que se desenvolverán en 11 Concellos da provincia e o vindeiro luns as que terán lugar na sede do Centro de Innovación Social
-As prazas xa están cubertas agás en 7 cursos no InLugo para as que se poden inscribir a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186

O Centro de Innovación Social, InLugo, que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación, comezou este mércores, en 6 parroquias do Concello de Lugo, unha nova tempada de actividades. A principal novidade desta etapa é a realización de cursos e obradoiros en toda a provincia para achegar as novas tecnoloxías a todos os maiores de 55 anos, independentemente do seu lugar de residencia. En concreto, neste 2º trimestre haberá actividades en 11 Concellos e 10 parroquias do municipio de Lugo, ademais das habituais na sede do centro. En total, 53 cursos obradoiros e preto de 600 prazas gratuítas.

Os primeiros cursos desenvólvense o 8 e 9 de abril nas parroquias de San Pedro de Mera, Santa María de Bóveda, San Xóan do Campo, Poutomillos, Santa Comba e Coeses, ás que se sumarán o 27 e 28 de abril, as de Meilán, Rubiás, Santiago de Saa e Calde. En cada unha delas haberá un curso de catro horas repartido en dous días. Neste caso, a finalidade é difundir entre os maiores as actividades que desenvolve o InLugo na súa sede de Frei Plácido Rei Lemos. Os veciños de San Pedro de Mera, en horario de 11:00 a 13:00 horas e os Poutomillos, de 16:30 a 18:30, participan no taller: Mantemos en forma o cerebro; os de Santa María de Bóveda e Santa Comba no de Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece a túa tablet; e os de San Xoán do Campo e Coeses no de Toma e retoca a túas fotos coa tablet.

Friol, o primeiro de 11 Concellos
Este sábado comezarán en Friol as actividades que se desenvolverán en 11 Concellos, e que se ampliarán a todos os municipios da provincia en vindeiras edicións. Haberá dous cursos en cada Concello co obxectivo de facilitar o uso das novas tecnoloxías aos maiores sen ter que desprazarse do seu lugar de residencia. Os dous cursos de Friol serán os días 11, 18 e 24 de abril. Na parroquia de Condes impartirase Manexo básico de ordenador e na de Carballo, Atréveste con internet?. A semana que vén, do 13 ao 16 de abril, o InLugo achegarase ao Concello de Castro de Rei con: Estimulación cognitiva e funcional con videoconsolas e Atréveste con internet? Os cursos continuarán en vindeiras datas en Meira, Pol, Guitiriz, Castroverde, O Corgo, Vilalba, Xermade, Guntín e Muras.

Últimas prazas nos cursos na sede do InLugo
Na sede do InLugo as actividades comezarán a semana que vén. En total 273 prazas repartidas en 21 obradoiros e cursos, dos que 14 xa teñen todas as prazas cubertas. Para os outros sete, os interesados aínda poden apuntarse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao número de teléfono 982 225 186. Os cursos abordarán o manexo de diversos dispositivos como o ordenador, a tablet ou o smartphone, así como conceptos básicos para manexarse por internet ou en diferentes redes sociais. Polo que se refire aos talleres, traballarán diferentes capacidades cognitivas e funcionais como a memoria, a atención, a orientación espacial ou o equilibrio co ordenador, a tablet ou as vídeoconsolas.

Todas estas actividades están incluídas na actuación Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación con fondos exclusivamente provinciais.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet