Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

09/04/2015

A TIC colabora co Concello da Fonsagrada na II Ruta Cicloturista dos Lobos que se celebra este sábado

-Santos anunciou que “alumnos, bolseiros e profesionais da Fundación TIC cubrirán a ruta en motocicleta e elaborarán un DVD e reportaxes para difundir nas redes sociais e nos medios”
- Na ruta participarán 310 persoas e percorrerá as Terras de Burón ata o Castañeiral de Gallol
- 45 quilómetros e 6 horas de percorrido converten a esta proba da Fonsagrada nunha das máis esixentes de toda España para os afeccionados ao mountain bike

A Fundación TIC colabora co Concello da Fonsagrada na difusión da II Ruta Cicloturista dos Lobos, que reunirá este sábado a 310 participantes de toda Galicia, Asturias e León. No acto de presentación, o patrón da TIC Álvaro Santos anunciou que “un equipo formado por profesionais, bolseiros e alumnos da Escola de Imaxe e Son cubrirán en motocicleta todo o que aconteza na ruta e tamén elaborarán un DVD e reportaxes para a súa difusión nas redes sociais e en varios medios de comunicación, coa finalidade de promover a práctica do deporte e dar a coñecer esta fermosa zona da Montaña de Lugo”.

No acto, no que participaron o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo; o tenente de Alcalde, José Ángel Fernández Carrín, e o técnico de deportes do Concello, Enrique Fernández, Santos subliñou que “tralo éxito do ano pasado, volvemos colaborar con esta iniciativa. Os 45 quilómetros e 6 horas de percorrido desta edición converten a esta proba da Fonsagrada nunha das máis exixentes de toda España para os afeccionados ao mountain bike”.

A Ruta dos Lobos
A segunda Ruta Cicloturista dos Lobos sairá ás 11:15 horas da Praza do Concello da Fonsagrada e rematará sobre as 20:00 horas no Polideportivo Municipal cunha cea multitudinaria, o Banquete dos Lobos. Os ciclistas e acompañantes que así o teñan solicitado, durmirán na Escola Fogar, que estará habilitada con liteiras para a ocasión e permitirá pernoctar a unhas 130 persoas.

Este ano, a proba percorre as Terras de Burón, pertencentes á Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras do Burón, ata chehar ao Castañeiral de Gallol, un balcón natural da cunca alta do río Rodil, afluente do Eo de gran beleza paisaxística. O prezo para participar é de 28 euros e inclúe o seguro, unha camiseta conmemorativa e unha mochila, así como a cea e o avituallamento durante a ruta. Os interesados teñen información completa en deportes@fonsagrada.org.

Prácticas en escenarios reais
A colaboración da TIC é froito do compromiso da Fundación co deporte e os Concellos da provincia, para promover o seu labor e promocionar a provincia. Na actualidade son máis de 140 as organizacións que manteñen acordos de colaboración coa TIC, para difundir as súas actividades e facilitar aos alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son prácticas profesionais en escenarios reais, a prol da súa inserción no mercado laboral.




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet