Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

22/04/2015

A TIC difundirá o Flashmob polo autismo de Capaces dentro dunha nova colaboración con esta asociación

  • archivos/fotos/grandes/2395_IMG_1427.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2395_IMG_1434.JPG







-Bolseiros e profesionais gravaron este mércores o evento que consistiu nun concerto improvisado na rúa da Raíña, interpretado por 20 membros da Banda Municipal de Música
-A acción social, que incluíu unha solta de globos azuis, reivindicou a concienciación sobre esta enfermidade os 365 días do ano, máis aló do Día Mundial do Autismo
-A Fundación colabora coa asociación lucense desde o seu nacemento, contribuíndo así o impulso e promoción do seu labor na provincia

A Fundación TIC gravou este mércores o flashmob en apoio ás persoas con autismo ou trastornos do espectro autista (TEA) organizado pola Asociación Capaces-Lugo. Trátase dun novo apoio da entidade dependente da Deputación a esta organización sen ánimo de lucro, que reivindica con esta acción a concienciación sobre esta enfermidade máis aló da conmemoración, o pasado día 2 de abril, do Día Mundial do Autismo.
Un equipo de bolseiros e profesionais realizarán, con material gravado, un vídeo para difundir o evento, que consistiu nun concerto improvisado na rúa da Raíña, e que contou coa participación dunha vintena de membros da Banda Municipal de Música. O acto arrancou coa interpretación dun saxofonista en solitario ao que se foron unindo, de forma individual e inesperada, o resto de integrantes da banda ataviados con roupa da cor azul que simboliza o autismo.O espectáculo completouse cunha solta conxunta de globos azuis que sobrevoaron o ceo lucense.
365 días de concienciación do Autismo
Capaces-Lugo organizou este flashmob para lanzar unha mensaxe clara e expresar de forma colectiva que non hai un, senón 365 días ao ano para traballar na concienciación sobre o autismo e TEA. A organización conta con 31 socios de toda a provincia, 14 deles numerarios e o resto colaboradores. Dispón dun amplo equipo de profesionais autónomos que traballan de xeito individualizado con nenos e adultos, e ofrecen asesoramento ás familias.

A Fundación TIC colabora desde os seus inicios con Capaces, que foi constituída o 30 de setembro de 2013, a través dun convenio de colaboración. Con este acordo, a TIC cumpre un dobre obxectivo: por un lado, difundir o labor do colectivo e, por outro, promover a formación práctica implicando ao alumnado en eventos coma estes en escenarios reais.

Deste xeito, ademais deste flashmob, outras colaboracións coa asociación, nas que participaron alumnos e titulados da EIS son, por exemplo, a difusión de actos no Día Mundial de Concienciación do Autismo ou do Síndrome de Asperger, a realización dun vídeo corporativo sobre o labor que levan a cabo na provincia, así como a prestación de apoio técnico para presentacións das súas actividades.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet