Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

17/11/2015

A TIC continuará apostando por un ensino de calidade, o benestar dos maiores e a promoción da provincia en 2016

-O Padroado aproba un orzamento de 1,8 millóns de euros para a Fundación TIC, que inclúe unha encomenda de 175.000 euros para a xestión do Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia

-Campos valorou o labor da TIC nos últimos oito anos e anunciou que “a matrícula da EIS volverá ser gratuíta, o InLugo terá máis presenza na provincia e apoiaremos o labor social das entidades sen ánimo de lucro”

-O emprego dos alumnos da EIS será unha das prioridades “polo que seguiremos a traballar para acadar convenios con empresas do sector a través da Escola e da Lugo Film Commission”

-Ao fronte da xerencia da TIC continuará Margarita Soilán “que demostrou nestes anos a súa valía profesional” e incorpórase como novo membro do Padroado o Deputado Miguel Ángel Sotuela


O Padroado da Fundación TIC aprobou este luns o presuposto para 2016, que ascende a 1.802.395 euros, un 1,67% máis que o exercicio anterior. Inclúe 175.000 euros da encomenda da Deputación para o Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia, o InLugo, que continuará xestionado a TIC con fondos exclusivamente provinciais.

O Presidente da entidade e da Deputación, Darío Campos, valorou o traballo que vén desenvolvendo a TIC nos últimos oito anos e avanzou “que manteremos as liñas de actuación que puxo en marcha José Ramón Gómez Besteiro a prol dun ensino de calidade, o benestar dos nosos maiores, o labor social, o apoio aos Concellos e á promoción da provincia”.

Emprego e igualdade de oportunidades

O máximo responsable provincial defendeu “a igualdade de oportunidades como un piar fundamental do sistema educativo. Por iso, o ano que vén volveremos destinar parte dos nosos recursos para que a matrícula da Escola de Imaxe e Son sexa gratuíta por noveno curso consecutivo”.

Unha parte das actividades da TIC estarán enfocadas a garantir un ensino de calidade adaptado ás demandas dun sector en continuo cambio. “Unha das nosas prioridades é o emprego, polo que reforzaremos as prácticas dos nosos alumnos en escenarios reais e as actividades complementarias coa experiencia de profesionais de prestixio para que teñan a formación adecuada á demanda do mercado”. Ademais, avanzou que “dentro deste obxectivo, seguiremosa a traballar para acadar convenios con empresas do sector audiovisual, a través da Escola ou da Lugo Film Commission, coa finalidade de proporcionar experiencia laboral aos nosos alumnos e titulados”.

InLugo, máis presenza na provincia

Darío Campos valorou especialmente o labor que está a desenvolver o Centro de Innovación Social, InLugo, e a alta demanda para participar nas súas actividades, con más de 1.600 inscricións este ano. “Como Alcalde dun Concello rural coñezo moi ben cal e situación dos nosos maiores nunha provincia como a nosa, cunha poboación dispersa e envellecida, e creo firmemente que as novas tecnoloxías poden contribuír dun xeito notable ao seu benestar”.

Anunciou que en 2016 “incrementaremos a presenza do InLugo con actividades formativas en diversos puntos da provincia co obxectivo de facilitar a todos os lucenses maiores de 55 anos o acceso ás novas tecnoloxías, independentemente do lugar no que residan”.

Labor social: máis de 150 convenios

En 2016 a TIC tamén centrará parte do seu traballo no labor social a través do apoio a organizacións sen ánimo de lucro. “Neste momento xa superamos os 150 convenios de colaboración con entidades sociais, culturais e deportivas, co obxectivo de contribuír a difundir o labor que desenvolven a prol dos lucenses”, apuntou Campos. Ademais destacou o traballo de promoción da provincia, tanto desde o punto de vista turístico como económico, así como a cooperación cos Concellos con contidos audiovisuais que difunden as actividades que promoven as Entidades Locais.

Xerencia e Padroado

Na reunión deste luns acordouse a continuidade de Margarita Soilán Carbia como xerente da Fundación TIC, “unha persoa cunha longa traxectoria no sector e acreditada experiencia na dirección de empresas audiovisuais que, nos anos que leva ao fronte da xerencia, demostrou a súa valía profesional e potenciou a presenza da TIC e da súa Escola na sociedade lucense”. Ademais aprobouse a incorporación do Deputado Miguel Ángel Sotuela ao Padroado, do que tamén forman parte como patróns Álvaro Santos, Ramiro Moure, Xosé Ferreiro, Jorge Coira e Arturo Vaquero.



< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet