Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC » 2015

16/12/2015

Raiolas presenta o Calendario Solidario 2016 con fotografías feitas pola TIC

-Os almanaques custan 10 euros e a recadación destinarase a terapias que melloren a calidade de vida dos afectados de autismo e TEA e das súas familias

- Santos dixo que “este é un exemplo de que a TIC é unha entidade útil á sociedade lucense e ao importante labor que desenvolve o tecido asociativo da provincia”

-Nesta edición os nenos e mozos de Raiolas están acompañados por traballadores de distintos servizos do Concello de Lugo, como bombeiros, policías ou protección civil

A Asociación Raiolas presentou este martes o Calendario Solidario 2016 elaborado con fotografías realizadas por un equipo da Fundación TIC, no que colaboraron traballadores do Concello de Lugo. Os almanaques teñen un custe de 10 euros e a recadación destinarase integramente a esta asociación lucense de persoas con autismo e outros trastornos xeneralizados do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias.

O patrón da entidade, Álvaro Santos, dixo que “esta nova colaboración con Raiolas é un exemplo de que a TIC é unha entidade útil á sociedade lucense. Para nós é unha gran satisfacción apoiar o inestimable traballo que realizan asociacións como Raiolas e contribuír, neste caso, a recadar fondos para que os afectados por estas doenzas e os seus familiares poidan acceder a custosas terapias, independentemente do seu poder adquisitivo, na procura dunha mellor calidade de vida e a súa plena integración familiar e social”.


A sociedade lucense con Raiolas

A presentación tivo lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo e, xunto ao patrón da TIC, participaron a presidenta de Raiolas, Inés Flores e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira. Ao acto asistiu unha ampla representación da sociedade lucense, desde empresarios, comerciantes, grupos políticos, asociacións e servizos municipais, que adquiriron os primeiros calendarios.

Os principais protagonistas do almanaque son nenos e mozos da organización, que adoitan saír acompañados de persoas relevantes da sociedade lucense. Para a elaboración do Calendario 2016, Raiolas contou coa colaboración do Concello de Lugo. Xunto aos rapaces da asociación, aparecen traballadores de distintos servizos do Concello como Policía Local, Corpo de Bombeiros, Protección Civil, MIHL, Casa da Música ou Urbaser.


Unha nova colaboración da TIC

A Asociación Raiolas foi constituída na cidade de Lugo en marzo de 2000. É unha organización sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública en 2011. A realización das fotos do Calendario 2016 é unha nova colaboración da TIC con esta ONG.

En total, a Fundación TIC apoia a 150 asociacións culturais, agrupacións veciñais e entidades deportivas coa realización de traballos audiovisuais, que permiten completar a formación teórica dos estudantes da Escola de Imaxe e Son de Lugo, e favorecer a súa inserción laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet