A Fundación TIC e o IES Sanxillao inauguran as xornadas sobre audiovisual e gastronomía
As actividades tituladas “Focos e Fogóns” e “Comer de Cine” inclúen comidas baseadas en clásicos do celuloide europeo como Amelie, Frenesí, Amarcord, Vatel ou Rufufú, ademais de conferencias e estreas audiovisuais.
As xornadas contan coa presenza de prestixiosos profesionais do mundo audivisual como os directores Jorge Coira ou Vicenç Asensio, ademais de recoñecidos programas como Larpeiros da TVG e España Directo de TVE.
O encontro comezou na Deputación de Lugo coa inauguración do Presidente da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro e continuou cun encontro do director lucense Jorge Coira
O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, a Directora do IES Sanxillao, Ángela Gómez, e o profesor do mesmo, Juan Marey, inauguraron este luns as xornadas adicadas á cociña, ó cine e á televisión “Focos e Fogóns” e “Comer de Cine”, realizadas grazas á colaboración entre a Fundación TIC e o Instituto de Educación Secundaria, xunto coa súa Escola de Hostalería.
Deste xeito, dende hoxe ata o venres 4 de xuño, Lugo acolle o encontro no que se proxectará para os alumnos de ambos os dous centros lucenses documentais e películas que teñen como núcleo a gastronomía, e organizará encontros e charlas cos autores destas obras xunto a profesionais vinculados ó cine, á televisión e á gastronomía.
Gómez Besteiro subliñou que “non hai política nin actividade educativa sen comunicación. Estas xornadas son un exemplo de como foron cambiando os tempos e como a imaxe e o son se está a meter nas nosas vidas. A gastronomía é unha das nosas riquezas desta provincia, que xunto cos seus produtos, o seu medioambiente forman un todo: a comercialización, a restauración e o consumo”. Neste senso, indicou que “estas xornadas van aportar máis coñecemento ós alumnos grazas ó plantel de profesores que están sendo imaxinativos. Así que como dicía Trapero Pardo: bo proveito amiguiños!!”.
A Directora do IES lugués agradeceu a colaboración da Fundación TIC “porque levamos tres anos traballando e este ano imos dar o salto á fama con este encontro. Son dúas iniciativas nunha grazas a que a Fundación TIC xunta coa nosa a súa actividade que leva o nome de Focos e Fogóns”.
Un programa con menús das mellores películas europeas
As xornadas Focos e Fogóns desenvólvense grazas á colaboración da Escola de Hostalería do IES Sanxillao, e da súa terceira edición de “Comer de Cine”, actividade a través da que o centro educativo amosará a súa especialización e profesionalidade preparando menús adicados ó mundo do celuloide. Esta vez, o título das xornadas é “Comer de Cine III. Europa, Europa!!”, baseándose en comidas que aparecen en clásicos do cine europeo.
O encontro contará coa presenza de personalidades da vida lucense e profesionais do mundo audiovisual e gastronómico onde o bo xantar estará máis que asegurado.
As actividades deron comezo cun encontro co director de “Que culpa tiene el tomate” premiado na categoría de mellor película documental na pasada edición dos Premios Mestre Mateo 2009, o lucense Jorge Coira, quen mantivo unha sesión de traballo cos alumnos dos dous centros na que se proxectaron os materiais promocionais do seu último traballo cinematográfico “18 comidas” que se estrea este mesmo mes no Festival de cine de Taormina en Sicilia.
De martes a xoves, no comedor do IES Sanxillao, poderase degustar o menú elaborado a partir de diferentes películas do cine europeo como Frenesí, Amelie, Amarcord, Vatel, Rufufú e moitas outras, coas que o Departamento de Hostalaría amosará a formación e a competencia profesional dos alumnos que cursan ciclos formativos desta especialidade.
O xoves, 3 de xuño, a xornada comezará coa proxección ás 11 da mañá do documental “Un día en El Bulli”, unha produción de VISUAL13 para TVE dirixida por Albert Adrià e que recibiu a Medalla de bronce na Categoría de programa cultural no Festival Internacional de Televisión y Cine de Nueva York e Mellor documental de Filosofía de Empresa e Retrato en Word Media no Festival de Hamburgo. Vicenç Asensio, realizador e director creativo de VISUAL 13 será quen desvele ós alumnos as claves do traballo no proceso de creación dun documental que recolle o traballo durante unha xornada de 18 horas nas cociñas do recoñecido restaurante de Ferran Adriá. Ás 17:00 horas da tarde unha mesa redonda sobre cociña e televisión, moderada e presentada polo xornalista Manuel Gago analizará as claves do éxito dos formatos audiovisuais asociados ó mundo da gastronomia, e na que estarán os programas Larpeiros da TVG e España Directo de TVE.
En torno á mesa de Comer de cine, reuniranse representantes de institucións, do sector audiovisual -entre eles os actores Federico Pérez (Josito en Padre Casares) e Víctor Fábregas (Tucho)-, da hostalaría e da educación, nunha xornada que pretende amosar as posibilidades de maridar recursos e formación de familias profesionais como Imaxe e Son e Hostalaría e Turismo.
Finalmente, o venres o profesor Juan Marey disertará sobre a “Escritura e xéneros cinematográficos”.