A TIC contribúe á promoción do Arde Lucus que arranca hoxe con 400 actividades programadas
-Un equipo da Fundación recollerá nun vídeo os principais actos e novidades dos catro días de festa romana e realizará varias reportaxes para difundir nas redes sociais
Un equipo da Fundación TIC sairá a rúa coas súas cámaras para contribuír á promoción do Arde Lucus que arranca hoxe, día 16 de xuño, coa apertura das portas da cidade e o desfile de tropas Lucus Equites, e que se prolongará ata o domingo.
Deste xeito, a TIC recollerá nun vídeo as mellores imaxes e novidades das 400 actividades que están programadas na capital amurallada e que, por primeira vez, celebra catro días de festa para conmemorar o 15 aniversario desta celebración que revive ás orixes romanas de Lugo. Tamén se realizarán varias reportaxes que se difundirán nas redes sociais e varios medios de comunicación na Internet.
O Arde Lucus, considerada unha das mellores festas de España, deixou o pasado ano uns 6 millóns de euros na cidade e ata un 98% de ocupación hoteleira. Este ano, a festa de recreación histórica prevé superar estas cifras e as 600 mil persoas que desfrutaron dela a edición pasada.
Medio cento de novidades
A 15ª edición do Arde Lucus contará cun total de 400 actividades diferentes dirixidas a todos os públicos, das cales medio cento serán totalmente novidosas. Entre os novos actos destaca o musical Hércules, o Convivium unha comida de confraternidade romana, a evocación do nacemento deste festexo, un desafío entre titáns, novos espectáculos de pirotecnia como O carro de Baco e a proxección dun vídeo en realidade aumentada, entre outros. Un total de 17 asociacións, tres delas novas, farán posible que a cidade retroceda por uns días ao Lucus Augusti de hai máis de dous mil anos.
O programa íntegro e toda a información pódese consultar na web dedicada a este festexo, no enderezo www.ardelucus.com, organizada polo Concello.