Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2010

11/11/2010

O apoio da Fundación TIC ó centro empresarial 'In Lugo' e a gratuidade das matrículas marcan o Orzamento 2011

in lugoin lugo

O Padroado da Fundación aprobou o Orzamento de 1,5 millóns de euros, mantendo o mesmo esforzo que nos dous exercicios anteriores
A Fundación audiovisual dará apoio ó centro de innovación empresarial In Lugo que a Deputación está a construír no andar superior do mesmo edificio da TIC, na rúa Frai Plácido Rey Lemos
Gómez Besteiro destaca que “a inserción laboral dos alumnos segue a ser a nosa máxima e, un ano máis, a pesar de que recortes témolos todos e non só a Xunta de Galicia, manteremos a gratuidade das matrículas na Escola”

O Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación, aprobou este xoves o Orzamento 2011e o Plan de Actuación da única Escola de Imaxe e Son da provincia (EIS) e do seu Centro de Produción de Programas (CPP). O presuposto para o ano que vén ascende a 1.570.955 euros, mantendo o mesmo esforzo económico que en 2009 e 2010 e a pesar do adelgazamento do orzamento da Deputación. Gómez Besteiro sinalou que “en época de crise temos que buscar fórmulas para aproveitar ó máximo os recursos que temos. Por iso, a Fundación terá un novo cometido: apoiar ó novo centro empresarial In Lugo que a Deputación está a construir empregando o andar superior do edificio da TIC, e que permitirá ás empresas probar seus produtos con público real antes de sacalos ó mercado”. Estes innovadores centros, que responden á filosofía de laboratorios cidadáns ou city-lab, precisan de abundante material audiovisual como: vídeos corporativos de empresas, grabacións coas opinións do público sobre os productos, etc. “Aí entrará o papel dos alumnos da TIC”, adiantou o titular provincial.

Para o Presidente a Fundación ten un obxectivo prioritario: “buscar por todas as vías a inserción laboral dos nosos alumnos. In Lugo, cofinanciado polo Ministerio de Industria ó amparo do Plan Avanza, será para eles unha nova oferta de emprego ou autoemprego”. Asimesmo, sinalou que se aprobou o Orzamento co voto en contra do Partido popular “malia que baixa os gastos de persoal e se mantén o orzamento xeral”.


As matrículas, gratuítas
A petición do Presidente e, segundo o acordo adoptado polo Padroado, en 2011 manterase a gratuidade das matrículas na única Escola de Imaxe e Son da provincia. “A diferenza do que facía o PP, manteremos isto un ano máis, a pesar de que recortes témolos todos e non só a Xunta de Galicia. A formación e a innovación son a aposta para saír cara adiante”.

Gómez Besteiro apuntou que “o esforzo que facemos na Fundación está a obter os seus froitos: no curso 2010-2011 cubríronse por terceiro ano consecutivo todas as prazas nos dous ciclos que impartimos, Realización e Produción, e cada vez hai un maior número de solicitantes. Os mozos xa non teñen que marchar de Lugo para estudar Imaxe e Son”.

A Fundación tamén manterá o apoio ós Concellos –ós que lles proporciona material audiovisual de tipo turístico, empresarial, etc- e a prestación dos seus servizos a entidades sociais e deportivas da provincia, dúas liñas que incrementou notablemente nos últimos anos, a diferenza do que facía o Partido Popular.

Equipamento técnico racional
No 2010 foron renovadas as instalacións do Centro de Produción de Programas, que están deseñadas para a docencia e que teñen as mesmas características e distribución de espazos que existen na realidade laboral. Tras esta renovación, procedeuse á adquisición de material co crédito de 400.000 euros que pedira o anterior goberno provincial para a compra dunha mesa de realización e uns cubos multipantallas, un equipo técnico que era totalmente desproporcionado para a Fundación, segundo recoñeceron as propias empresas adxudicatarias, que mesmo renunciaron ó contrato. “En definitiva, gastos que respostan ben pouco ó sentido común”.

Con este mesmo crédito, o CPP dotouse de equipamentos para o plató, con cámaras robotizadas e cámaras operadas; para o control de realización, con control de máquinas, mesa de mezclas, playout e promter; e para o control de son, así como do mobiliario técnico dos controis de realización e son, onde os alumnos fan prácticas reais. Tamén dispón dun servidor de almacenamento compartido co que a TIC continuará co importante labor de recuperación, catalogación, custodia e difusión de producións e obras do patrimonio audiovisual da provincia, nunca antes documentadas.

Declaracións do Presidente da Fundación, Gómez Besteiro, tras a aprobación dos orzamentos




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet