Gómez Besteiro entrega os galardóns do I Concurso Nacional de Curtas e Maquetas da Fundación TIC
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entregou este domingo os premios do I Concurso de Curtas e Maquetas que puxo en marcha a Fundación TIC, en colaboración co Concello, no marco da programación de Lugo 10, e que, no caso das curtametraxes, recaeron en: Andrés González Tella por “Dous días dicen” (Premio Lugo10), -mozo de Meira estudante de Telecomunicacións-; Leandro Gabriel Escudero por “A Sede das urbes” (Premio Deputación), -rapaz de Lugo antigo alumno da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC-; Fernando Rivero Martín por “La esencia de Lugo” (Premio Fundación TIC), -xoven da capital e alumno da EIS da TIC-. No caso dos traballos musicais, os galardoados foron: Jotaocho por “El bosque de Augusto” (Premio Lugo10), -o compositor do tema é Jahel Piñeiro Arias, rapaz da cidade de 22 anos-; David Taboada Grupo por “As portas da Muralla” (Premio Deputación), -conxunto musical vilalbés con máis de 250 concertos dende 2003-; e Ian por “Ven, acércate y descúbreme” (Premio Fundación TIC), -tema de rap composto por Fernán Gómez, mozo de Vilalba- .
En total, o certame contou coa participación de 12 produtos audiovisuais e 15 musicais. Os galardóns están dotados de 2.000 euros para o traballo audiovisual e musical que mellor promocionou a Muralla (Premios Lugo10), 1.500 para os que potencian a provincia (Premios Deputación), e uns terceiros de 1.000 euros para creadores menores de 30 anos (Premios Fundación TIC).
O organismo provincial fixo coincidir a súas entregas co remate da cuarta edición da Ludus Party, na que participaron máis 350 procedentes de toda Galicia, do norte de España e doutras cidades como Madrid, Valladolid ou Sevilla. Neste senso, Gómez Besteiro, quen tamén visitou o “stand que instalou na Casa do Deporte a Escola de Imaxe e Son, subliñou que “a Ludus Party é o escaparate das novas tecnoloxías por excelencia, por iso eleximos este día para dar estes premios. Ademais, é unha plataforma extraordinaria para promocionar o traballo da EIS, o primeiro centro educativo especializado nesta materia de toda a provincia”.