A Fundación TIC impulsa o traballo do Clube Ciclista Cidade de Lugo coa elaboración de 25 vídeos promocionais
O Presidente da Deputación, o Concelleiro de Deportes e o Presidente da entidade deportiva presentaron os audivisuais nos que participaron os bolseiros da EIS
Durante o último ano, o organismo provincial incrementou en máis dun 300% a colaboración con asociacións sen ánimo de lucro. Nestes momentos, a TIC ten asinados convenios con 26 organizacións
O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, o Concelleiro de Deportes de Lugo, José Manule Díaz Grandío, e o Presidente do Clube Ciclista Cidade de Lugo, Eugenio Paz, presentaron o Luns 21 de Marzo, na Casa do Deporte, os vídeos promocionais realizados por bolseiros da Fundación TIC para impulsar e dar a coñecer a actividade do clube lucense, que na actualidade conta con 45 ciclistas. Gómez Besteiro destacou que “con estas iniciativas acadamos varios obxectivos: os alumnos adquiren experiencia para acceder ó mercado laboral; promocionamos deportes máis minoritarios e divulgamos o importante labor que está a realizar este clube na cidade”.
En total, grazas á colaboración da Deputación e dos bolseiros da Escola de Imaxe e Son, realizarónse 25 vídeos promocionais, dos que 7 son titoriais relativos ó funcionamento e mantemento da bicicleta e 18 sobre os membros do equipo. Os productos audiovisuais podense ver na páxina web do Clube Ciclista Cidade de Lugo (www.cccidadedelugo.com)que foi presentada polo presidente da entidade deportiva.
Trátase dun portal sinxelo no que figuran, ademais, dos vídeos realizados pola Fundación TIC, a historia da clube, os integrantes, o palmarés deportivo dos ciclistas, eventos deportivos, material multimedia e os listados dos patrocinadores. Neste senso, o Concelleiro lucense subliñou que “iniciativas coma esta son importantes porque tamén contribuímos a difundir o deporte nos colexios e a que esta modalidade siga medrando”. Como recoñecemento á colaboración do organismo dependente da Deputación, o Presidente do clube lucense entregou a Gómez Besteiro un maillot de líder da xeral por puntos, ó tempo que engadiu que “con este apoio estou convencido de que a páxina vai ser un referente para o ciclismo galego”.
Incremento do 300% da colaboración coas asociacións
O titular provincial destacou que durante o último ano o goberno da Deputación incrementou en máis dun 300% a colaboración con asociacións sen ánimo de lucro. Nestes momentos, a entidade dependente do organismo provincial ten asinados convenios con 26 organizacións, “polo que demostramos con feitos que a Fundación TIC é útil á sociedade e ó deporte lucense.”
Ademais do clube ciclista lugués, a Fundación colabora con outras 15 entidades deportivas: Agrupación Deportiva Fefeme Triatlón, Agrupación Deportiva A Pinguela, Clube Cidade de Lugo Fluvial, Clube Guimaro Motor, Clube de Tenis Mesa Dez Portas, Clube Deportivo Arco Muralla, Clube de Natación Portamiñá, Clube Patíns Lóstregos Lugo, Clube San Fernando Lucus Caixa Rural Galega, Clube Ciclista Cidade de Lugo, Clube Emevé, Escudería Miño, Fundación Azkar, Real Aeroclube de Lugo e Sociedade Deportiva Cultural Polvorín.
Asimesmo, tamén difunde o labor de 11 asociacións sen ánimo de lucro: Asociación Down Lugo, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFALU), Asociación Raiolas, Fundación UNICEF, Asociación Lucense de Xordos (ALUSOR), Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais (FEAFES), Asociación San Vicente de Paul,ANADE, ASPNAIS, Preescolar na Casa e Fundación Azkar para facer máis visible a súa función mediante espazos de divulgación elaborados en diferentes soportes audiovisuais.