 Os alumnos da EIS da Fundación TIC presentaron no Círculo das Artes as curtametraxes fin de curso
 Os alumnos da EIS da Fundación TIC presentaron no Círculo das Artes as curtametraxes fin de curso
Gómez Besteiro participou na proxección dos 2 traballos audiovisuais realizados na súa totalidade polos rapaces da promoción 2009-2011
O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, participou na proxección das curtametraxes realizadas polos alumnos da Escola de Imaxe e Son que tivo lugar no Círculo das Artes da capital o xoves 31 de Marzo. 
Na sesión, aberta ó público, puidéronse ver os 2 traballos audiovisuais fin de curso realizados na súa totalidade polos rapaces da promoción 2009-2011 do único centro na provincia que imparte titulacións superiores en materia audiovisual. Foron os seguintes:  
 “Aliendu”. Basada en feitos reais, conta a historia de dous mozos, Manuel e Josefa, -el da Fonsagrada e ela de Asturias-, que se coñeceron na feira da poboación asturiana de Valdebois e se namoraron. Ante a oposición do pai dela á súa relación, decidiron fuxir á Fonsagrada. O título do traballo, “Aliendu”, é un guiño á parte asturiana desta historia. Significa alento ou respiración forte, e fai referencia ós esforzo da parella protagonista durante a súa fuxida. 
A trama desenvólvese a principios do século pasado. Os núcleos de San Xulián de Pereiramá, Pena e Uriz, no Concello de Castroverde, foron os escenarios da rodaxe. Na elaboración do filme, traballaron 14 alumnos da EIS. Brais Abad e Rosalia Castro interpretan á parella protagonista, mentres Rubén Pérez Pombo e Miguel Grandío teñen país secundarios. A maiores, os rapaces contaron coa participación de dous actores profesionais: Fernando Morán e Sacha.
 
“Vilacazans”.  É unha sorprendente e truculenta historia, inspirada no estilo das “snuff movies” americanas, trasladado ó rural galego. A cinta conta a historia de 2 rapaces que fuxen en coche dunha ameaza que lles pode custar a vida. Os protagonistas atópanse nunha situación límite ata que chegan a Vilacazáns, un pobo no medio da nada que, malia que parece a súa salvación, axiña se percatan de que os habitantes deste lugar son un tanto singulares, e de que lles espera un inquedante destino. 
Na rodaxe de “Vilacazáns”, participaron 28 persoas: un equipo de produción e realización composto por 15 alumnos do EIS, e un elenco de 13 actores entre os que se atopan 3 nenos do Colexio de Castro de Rei. O protagonista da curtametraxe é Alejandro Carro, un actor coruñés cunha extensa traxectoria en televisión, cine e teatro, máis coñecido polo seu papel como Santi na serie Padre Casares da TVG. Os interiores grabáronse nun bar de Hombreiro, e as restantes escenas nos arredores do Pazo e Aspais, todas no Concello de Outeiro de Rei. 
