A Fundación TIC elaborou dous DVDs promocionais sobre o patrimonio cultural de Antas de Ulla
Os traballos audiovisuais, realizados pola TIC, recollen a tradición de dúas das festas patronais máis emblemáticas do concello, as de Santiago de Dorra e Santa Mariña
Un equipo de alumnos e profesionais da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, elaborou dous DVDs promocionais sobre o patrimonio cultural do Concello de Antas de Ulla. Os traballos audiovisuais recollen a tradición de dúas das festas patronais máis emblemáticas da localidade, as de Santiago de Dorra, que se celebran o 25 de xullo, e as de Santa Mariña, que teñen lugar o primeiro domingo de agosto.
A gravación comezou durante as festas do verán de 2010 e consta dunha primeira parte, común nos dous casos, na que se describen os recursos e atractivos do Concello de Antas de Ulla, e unha segunda parte, na que se mostran os actos de celebración en si, entre os que teñen un papel destacado as procesións pola súa gran tradición e a importante cantidade de persoas que participa. Para os traballos contouse coa participación activa dos verdadeiros protagonistas: os asistentes ás patronais e os representantes dos colectivos veciñais. Deste xeito, o equipo da Fundación TIC recolleu as súas testemuñas, nas que relatan vivencias persoais e o especial significado que teñen os festexos, en canto que implican reencontrarse con familiares e amigos e pasar unha xornada de diversión na súa compaña.
A Fundación TIC editou 150 exemplares de cada DVD, que comezaron a repartirse de maneira totalmente gratuíta o venres 8 de Abril coincidindo coa súa presentación.