A Fundación TIC grava o vídeo musical do grupo Sunface
O proxecto inclúe a participación de alumnos e bolseiros da EIS para a súa formación práctica e futura inserción laboral. A iniciativa tamén contribúe á promoción de grupos musicais da provincia que non dispoñen de recursos para dar a coñecer os seus traballos. A gravación fíxose nas rúas de Lugo e contou ca colaboración da perruquería Aluma
A Fundación TIC gravou o vídeo musical do grupo Sunface. A colaboración inclúe a participación de alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanzas do mundo audiovisual. O obxectivo desta clase in situ é completar a súa formación práctica e favorecer a súa inserción no mercado laboral.
Ademais, con esta iniciativa, a Fundación contribúe á promoción de novos artistas da nosa provincia que dispoñen de poucos recursos para dar a coñecer os seus traballos, como é o caso de Sunface.
O vídeo musical de Sunface tivo dous escenarios: as rúas de Lugo, onde se aproveitaron diversas localizacións coma as inmediacións do restaurante Terras do Miño, e as instalacións da perruquería Aluma.
A Fundación TIC xa colaborou noutros destacados proxectos audivisuais que contribúen a promocionar a provincia de Lugo, entre eles, o vídeo musical “Torres de Compostela” da eurovisiva Lucía Pérez.
Ademais participou nas rodaxes do documental Hitler, Garbo... e Araceli, do director Xosé de Cora, na curta Triste soledad de un violinista do sarriano Roberto Lolo e da longametraxe Os mortos van á presa, de Ángel de la Cruz.
Tamén se estimula a relación da Escola co sector empresarial mediante convenios de prácticas, bolsas e diversas colaboracións. Na actualidade, a Fundación TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais e asinou preto de 40 convenios de colaboración con entidades de Lugo.