A Fundación TIC colabora cun obradoiro no encontro que realizará a Deputación este sábado para apoiar a Lucía Pérez en Eurovisión
As actividades, gratuítas e dirixidas a tódolos públicos, comezarán ás 18:00 horas e incluirán xogos inchables, talleres para elaborar chapas e bandeirolas, unha pista de baile virtual ou un obradoiro que mostrará como ser cámara de televisión .
A Deputación ofrecerá ós asistentes embutidos, queixos, pan e derivados, e doces, entre outros artigos de alimentación autóctonos, cedidos de balde polas empresas que acadaron a marca de calidade Lugo Sabe creada polo organismo provincial
Ás 21.00 horas empezará a retransmisión en directo do Festival de Eurovisión en dúas pantallas xigantes instaladas nos xardíns e salón de actos de San Marcos, durante a que se farán numerosos sorteos
Os participantes no encontro Todos con Eurovisión. Todos con Lucía. Todos na Deputación de Lugo, organizado polo organismo provincial este sábado para apoiar á cantante do Incio no seu paso polo festival europeo da canción, degustarán gratuítamente produtos de Lugo Sabe. Empresas que acadaron esta marca de calidade que creou a Deputación para poñer en valor os produtos autóctonos cederán de balde embutidos, queixos, pan e derivados, e doces, entre outros artigos de alimentación, para ofrecer ós asistentes á velada, o que contribuirá tamén a súa promoción. Na xornada lúdica estarán familiares de Lucía Pérez, e as deseñadoras que a visten no festival, Sara Lage e Maru Calderón, e representantes da tenda lucense que lle cedeu o calzado, Dick & Paul.
O encontro arrancará ás 18:00 horas nos xardíns de San Marcos e estará cheo de sorpresas e actividades gratuítas e dirixidas a tódolos públicos. Haberá xogos inchables, karaokes e talleres para elaborar chapas e bandeirolas coa imaxe de Lucía Pérez. O Centro de Innovación Social In Lugo instalará unha pista de baile virtual na que pequenos e maiores poderán practicar todo tipo de pasos de danza e a Fundación TIC realizará un cásting entre os asistentes para elixir a colaboradores que apoien ó presentador que guiará a velada e mostrará nun obradoiro como ser cámara de televisión.
Entre as 18:00 e as 20:00 horas haberá visitas guiadas en pequenos grupos polas inmediacións do edificio da Deputación nas que técnicos do Plan Urban, impulsado polo Concello lucense e a institución provincial, explicarán polo miúdo en que consisten as obras de remodelación e mellora que se están levando a cabo nos propios xardíns e na praza de San Marcos, e como quedarán estes espazos tralas actuacións, que concluirán neste mes. Deste xeito, os participantes nos circuítos coñecerán por exemplo que especies arbóreas se plantarán na praza de San Marcos, ou como a parte traseira do pazo quedará proximamente aberta ó público, ó incorporarse ó paseo interior da Muralla, e como funcionará a rede wifi de conexión gratuíta a Internet que se está instalando. Esta serie de accións converterán á Praza de San Marcos e ó entorno da sede da Deputación nun moderno e amplo espazo público, esteticamente mellorado e punteiro en canto á implantación das novas tecnoloxías.
Ás 21:00 horas comezará a retransmisión en directo de Eurovisión, que se proxectará en dúas pantallas xigantes colocadas nos xardíns exteriores e no salón de actos da Deputación, e durante a que haberá numerosos sorteos de agasallos.
200 asistentes confirmados en Facebook
A xornada lúdica da Deputación está tendo unha grande aceptación, como demostra que no evento creado en Facebook (http://on.fb.me/luciaperez), a rede social máis importante do país, teñan confirmado a día de hoxe a súa asistencia máis de 200 persoas. Co fin de dar a coñecer na Rede o encontro de apoio a Lucía Pérez, difúndese a través do blog co que conta o organismo provincial e noutras plataformas nas que a institución ten presenza, como Twitter, Flickr e YouTube.