A Fundación TIC grava o videoclip do himno oficial do Arde Lucus e patrocina o CD musical
Besteiro visita esta tarde a gravación realizada por profesionais, alumnos e bolseiros da EIS, na que participan 70 lexionarios das Cohors III Lucensium
Este traballo audiovisual engádese ó CD musical gravado polos membros da Cohors nos estudos Miño Media do Corgo e patrocinado na súa totalidade pola Fundación TIC
O Presidente da Fundación TIC e da Deputación en funcións, José Ramón Gómez Besteiro, visita esta tarde a gravación do videoclip do himno oficial do Arde Lucus que corre a cargo da Cohors III Lucensium, unha das asociacións de recreación histórica máis activa desta festa declarada de Interese Turístico Galego. O traballo audiovisual, realizado por un equipo formado por profesionais, bolseiros e alumnos da EIS, ten como esceario varios puntos da Muralla. .
O máximo responsable provincial destaca a importancia de iniciativas coma esta coas que, por unha banda, “contribuímos a promocionar o Arde Lucus, a Muralla e a nosa provincia e, por outra, damos unha formación práctica ós nosos alumnos de cara a súa futura inserción laboral”.
Gómez Besteiro sinala que “o Arde Lucus, todo un referente no calendario festivo galego en tan só dez anos, é moito máis cunha festa xa que grazas ós traballos de recreación histórica que están a realizar asociacións como a Cohors coñecemos mellor como vivían os habitantes de Lucus Augusti”. Engade que ademais de ser un atractivo turístico e cultural supón unha importante fonte de riqueza para a cidade e a provincia.
O himno do Arde Lucus
Uns 70 lexionarios, con traxes e armas recreando ós soldados romanos, participan no vídeo. Este traballo engádese ó CD musical co himno gravado pola Cohors nos estudos Miño Media do Corgo e patrocinado na súa totalidade pola Fundación TIC. Trátase dun cántico en latín composto polos membros da organización hai dous anos que entonan durante os desfiles que fan en diferentes puntos da cidade. O texto lembra como a Cohors III Lucensium, unha subdivisión da VII Lexión Gemina, chegaban, con celeridade e orde, á Lucus Augusti a través da ponte romana e entraban pola Porta Miñá. Ademais fai un repaso das súas victorias en varios puntos do Imperio.
A participación da Cohors no Arde Lucus é fundamental para ambientación romana da cidade durante a festa polas sús minuciosas demostracións do quefacer militar do Imperio, e colabora dunha forma moi activa en cada edición.
Outros vídeos musicais da Fundación
A Muralla tamén foi un dos escearios do vídeo “Torres de Composetela” da eurovisiva Lucía Pérez realizado pola Fundación. Ademais, a TIC está a apoiar a grupos musicais da provincia coa elaboración clips promocionais como “La búsqueda” de Escala Drinker ou “New Conclusions” de Sun Face, presentados recentemente en Ribadeo, ou traballos de agrupacións como Voodoo Crow ou Arandela.
Tamén se están a gravar as maquetas dos grupos de Lugo dentro do programa “Xoves con Arte” que promoven a Fundación TIC e o Concello de Lugo, e que ten por obxectivo a promoción de agrupacións musicáis da cidade a través da gravación de maquetas e a edición de dous CDs. A gravación, que se realiza nos estudos “Abrigueiro” que o produtor e compositor Arturo Vaquero ten en Friol, conta coa participación de bolseiros da Fundación.