O presidente da Academia Galega do Audiovisual, padriño da 7ª promoción da Escola de Imaxe e Son
O Presidente da Fundación, Gómez Besteiro e a concelleira de cultura, Esther Muñoz clausuraron ó acto e destacaron a importancia de contar coa presenza do lucense Antonio Mourelos, un dos rostros da ficción televisiva máis importantes de Galicia e un referente no audiovisual galego
O Presidente anuncioulles ós alumnos que 20 estudantes realizarán prácticas en empresas especializadas de tres países europeos grazas ó programa Leonardo da Vinci durante o segundo semestre de 2012
O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, e a Concelleira de Lugo, Esther Muñoz, clausuraron este venres o curso académico 2010-2011 da sétima promoción da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas da familia audiovisual e cuxa financiación depende exclusivamente do organismo provincial. O recén nomeado presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, foi o padriño dos novos titulados dos ciclos superiores de Produción de audiovisuais, radio e espectáculos e Realización de audiovisuais e espectáculos que ofrece o centro educativo, dotados con 2.000 horas lectivas e dous cursos académicos cada un.
Previo ó acto oficial de clausura, proxectáronse diferentes traballos dos alumnos durante o curso académico.
Deste o inicio da actividade da EIS, no ano 2003, preto de trescentos alumnos cursaron os seus estudos de Produción e Realización. Pero non foi ata o 2009 cando, por vez primeira, se cubriron todas as prazas e no que, debido á elevada demanda, houbo unha ampla lista de espera. Este éxito de convocatoria reflíctese tamén no novo curso académico que comezará en setembro, xa que, tan só 4 días despois de abrir o prazo de inscrición, 15 persoas a formalizaron a súa praza nos dous módulos formativos, o que supón o 40% das prazas ofertadas. O Presidente animou á mocidade lucense a formalizar a súa matrícula antes do 8 de xullo e subliñou que o equipo de goberno a manterá gratuíta no novo curso.
Novas bolsas para a mocidade
O Presidente deu a coñecer no acto de clausura unha boa noticia para os alumnos que acaba de ser comunicada oficialmente á Deputación. Ademais, de ser o cuarto ano consecutivo que a TIC mantén a gratuidade da matrícula, 20 estudantes beneficiaranse do programa Leonardo da Vinci, logo de que a EIS fose seleccionada polo organismo autónomo Programas Educativos Europeos por primeira vez dende que entrou en funcionamento. Grazas a esta iniciativa, os alumnos realizarán prácticas no segundo semestres de 2012 en empresas do audiovisual de Portugal, Italia e Reino Unido.
O Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos está adscrito ó Ministerio de Educación. Ten como misión xestionar a participación española no Programa de Aprendizaxe Permanente (PAP) da Unión Europea. É, por tanto, responsable de desenvolver as accións descentralizadas dos diferentes programas: Comenius para a educación escolar, Erasmus para a superior, Leonardo da Vinci para a Formación Profesional e Grundtvig para a educación de adultos.
Un padriño de honra
Antonio Mourelos, conta cunha longa traxectoria profesional como referente constante no audiovisual galego. A súa participación en series como Mareas vivas, Rías Baixas, Terras de Miranda, As leis de Celavella ou Matalobos son un exemplo da extraordinaria traxectoria do actor lucense. Longametraxes como O lapis do carpinteiro, Os luns ó sol, Pradolongo, 18 comidas ou curtametraxes como O elixido ou Aurora, completan o extenso currículo deste profesional que, durante os próximos dous anos, será o responsable da Academia Galega do Audiovisual, entidade que agrupa a creadores e profesionais nesta materia e que ten como obxectivo a promoción e difusión das actividades desenvoltas polo sector.
Entre as principais actividades da AGA, se inclúe a organización anual dos Premios Mestre Mateo, o máis importante recoñecemento realizado ós profesionais dun sector no que Galicia ocupa una posición destacada dentro do panorama estatal.
Mourelos iniciou a súa traxectoria profesional na radio en Lugo incorporándose ó mundo da dobraxe nos inicios da TVG. Nesta faceta de dobrador e director de dobraxe, é a voz de actores tan coñecidos como Michael Caine, Jeremy Irons, Dennis Hopper… e dirixe a dobraxe de longametraxes como O padriño, O silencio dos cordeiros ou Troia, entre outros moitos títulos. Como profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago imparte Dobraxe e Tratamento da Voz na Produción Audiovisual, Dirección e Interpretación e Locución Audiovisual.