A TIC contribuirá á difusión do I Mercado Tradicional de Vieiro que se celebra este sábado na parroquia viveirense
Un equipo de bolseiros e profesionais da Fundación gravará a xornada festiva dentro do marco de colaboración que a entidade destablece con numerosas asociacións e empresas.
O Mercado celebrarase fronte á igrexa e contará con 22 produtores de toda a provincia e da Coruña.
A Fundación TIC contribuirá á difusión do primeiro Mercado Tradicional de Vierio, coa gravación da xornada, que se celebra o sábado, 12 de novembro, nesta parroquia viveirense. O traballo correrá a cargo dun equipo de bolseiros e profesionais da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro de Lugo que imparte ensinanzas da rama audiovisual.
No mercado participarán 22 expositores, entre os que destacan os que porán á venda produtos de temporada, como castañas, noces ou mel, pero tamén haberá cultivos de horta ou panadería, así como artigos de artesanía téxtil e de coiro, entre outros. Os produtores proceden de municipios mariñanos como Cervo e O Valadouro, pero tamén do resto da provincia e incluso de fóra, xa que haberá un produtor da Coruña. A organización da feira é froito da inquedanza de Jesús Chao da Silva por dinamizar a parroquia de Vieiro, que conta con preto de 500 habitantes.
Esta colaboración súmase a outras que a Fundación mantén con asociacións e empresas lucenses. Deste xeito, na actualidade a TIC ten asinados medio cento de convenios con colectivos sen ánimo de lucro e outros tantos con empresas, co obxectivo de proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS, para que completen a súa formación e poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual. Este ano, o número destes convenios incrementouse en máis dun 400%.