A Fundación TIC apoia á Sociedade Micolóxica Lucus na difusión da riqueza micolóxica de Galicia
A vicepresidenta segunda da Deputación e o presidente da Sociadede Micolóxica Lucus presentaron, no Pazo de San Marcos, o programa das III Xornadas sobre Micogastronomía, que terán lugar os días 11 y 12 en Lugo.
Bolseiros e técnicos da Fundación TIC gravarán as conferencias e sesións prácticas para realizar un vídeo divulgativo das xornadas, e prestarán apoio técnico para facilitar o seguimento por parte do público.
A vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez e o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso presentaron as III Xornadas sobre Micogastronomía, que se celebran este venres, día 11 e o sábado, día 12, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Ao acto asistiron tamén o director do CETAL, Eduardo Vidal e o presidente da Asociación Provincial de Hostelaría de Lugo, Cheché Real. A Fundación TIC, que depende da Deputación, colaborará coa Sociedade Micolóxica Lucus na difusión das xornadas, coa finalidade de promocionar a riqueza micolóxica de Galicia e o seu valor ambiental, económico e culinario.
Vídeo divulgativo e apoio técnico
Bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo, co apoio de técnicos da Fundación TIC gravarán as sesións de micogastronomía, nas que intervirán profesionais da cociña e expertos micólogos, co fin de realizar un vídeo divulgativo. Ademáis, o equipo prestará apoio técnico durante a celebración das conferencias, no Pazo de Feiras e Congresos, onde instalarán varias cámaras, unha pantalla de proxección e un sistema de microfonía e amplificación, entre resto de material necesario para facilitar o seguimento das charlas e sesións prácticas por parte dos asistentes.
A colaboración enmárcase no convenio asinado entre a Fundación TIC e a Sociedade Micolóxica Lucus co fin de promover o labor da entidade, ó tempo que se ofrece formación práctica real ós alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro da provincia no que se imparten enzinanzas da familia do audiovisual. Con esta iniciativa, cúmprese coa máxima prioridade da TIC, abrir novas oportunidades cara o mercado laboral dos estudantes e titulados da EIS.
A colaboración do organismo provincial con esta entidade enmárcase na súa decidida aposta por difundir e mellorar a comercialización dos produtos e cultivos autóctonos como unha vía para favorecer o desenvolvemento económico da provincia e fixar poboación. Así mesmo, a Deputación respalda deste xeito unha actividade que conta cunha longa tradición en Lugo e que nos últimos anos está acadando un considerable peso económico. Mostra delo é que o pasado ano se comercializaron na provincia máis de 350 toneladas de setas. A recollida e degustación destes froitos ten ademais numeroso afeccionados e suscita un importante interese social, como revela que na provincia existan unha ducia de colectivos de micoloxía.
Expertos conferenciantes
As Xornadas sobre Micogastronomía están abertas ó público en xeral, especialmente ós profesionais do sector da restauración e afeccionados á micoloxía e gastronomía. En canto os relatores, trátase de expertos con ampla experiencia e coñecementos en ambalas dúas materias coma Jesús Blanco Rey, asesor técnico de empresas de hosteleiría; José Luis Tomé,
da Asociación Micolóxica Brincabois, de Pontevedra; Conchi Zúñiga, creadora do blog Cocinandosetas; Carlos Fernández, cocinero do Restaurante España de Lugo; e Julián Alonso Díaz, presidente da Sociedade Micolóxica Lucus. Alonso Díaz será o encargado de pronunciar a primeira das conferencias, co título Os mellores cogomelos comestibles e as súas confusións tóxicas, tras o acto de inauguración terá lugar as 20.00 horas, do vindeiro venres, día 11, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
A III edición destas xornadas pretende continuar o traballo das anteriores edicións, ensinando dun xeito práctico as técnicas e múltiples opcións que presentan os cogomelos na cociña, sen esquecer a importancia de sensibilizar no respecto e sostibilidade deste recurso natural dos nosos bosques.