A Fundación TIC apoia os proxectos de cooperación que desenvolve a delegación lucense de Manos Unidas
Gómez Besteiro e a presidenta da ONG en Lugo, Amalia Hermida, asinaron un convenio para difundir a labor da organización humanitaria
Alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son realizarán traballos audiovisuais para divulgar os proxectos de sensibilización e educación da entidade, que en 2011 recadou fondos para Guatemala e a India
O presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a presidenta de Manos Unidas Lugo, Amalia Hermida, asinaron este mércores, no Rincón Navideño da ONGD, nas galerías da Praza de Santo Domingo, un convenio de colaboración para difundir a labor que esta Organización Non Gubernamental para o Desenvolvemento leva a cabo na provincia. O acordo recolle a realización de traballos audiovisuais de divulgación dos proxectos de sensibilización e educación para o desenvolvemento da ONGD, coa participación de bolseiros da EIS. A iniciativa permite que os alumnos e titulados da EIS complementen a súa formación e tomen contacto co mundo laboral.
Durante a campaña 2011, a delegación lucense de Manos Unidas orientou os seus esforzos á recadación de fondos para financiar senllos proxectos en Guatemala e na India. No primeiro caso, o obxectivo é reducir a mortalidade infantil. Na India, a idea é poñer en marcha accións de apoio a nais. Ambos os dous teñen como obxectivo final a protección da infancia.
Manos Unidas é unha Organización Non Gubernamental para o Desenvolvemento (ONGD) católica, de voluntarios, que desde o ano 1960 loita contra a pobreza, a fame, a malnutrición, a enfermidade, a falta de instrución, o subdesenrolo e contra as súas causas.
O apoio social da TIC
A Fundación TIC ten asinados medio cento de convenios con asociacións sen ánimo de lucro da provincia e mantén contrato con máis de 60 empresas nacionais do sector multimedia. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS para que completen a súa formación e poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual.
Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONGs e asociacións culturais para apoiar o seu labor social e impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade e entidades deportivas que fomentan o deporte base, así como empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. Este ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos lucenses.