Os alumnos da EIS asistirán á obra “Shakespeare para ignorantes” da XII Mostra de Teatro Clásico de Lugo
Esta iniciativa enmárcase dentro do plan de formación complementaria que a EIS ofrece ó seu alumnado
A obra está producida por “Produccións Excéntricas Mofa & Befa” e dirixida polo autor Quico Cadaval
Os alumnos de Produción e Realización da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, organismo dependente da Deputación, acudirán o vindeiro luns día 6 á representación de “Shakespeare para ignorantes” no Auditorio Municipal Gustavo Freire ás 20:30 horas.
En total, asistirán os 75 alumnos que estudan nos dous cursos dos graos que se imparten na EIS, así como os 8 profesores que compoñen o equipo docente. A Fundación TIC correrá cos custes das 83 entradas.
“Shakespeare para ignorantes” enmárcase dentro da XII Mostra de Teatro Clásico de Lugo organizada polo Concello. A obra, dirixida e producida por Quico Cadaval, pretende ser unha amena palestra para un público con coñecementos menos ca básicos da inmortal obra do autor inglés. De xeito cómico, MOFA&BEFA, dous actores, poñerán en primeiro plano as escenas máis ignoradas de Shakespeare. Na obra tamén participan Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira.
Actividades extraescolares
A actividade enmárcase dentro do plan de formación complementaria que a EIS oferta ó seu alumnado. Entre elas figuran a asistencia a empresas do sector audiovisual, festivais de cine ou teatro e todos aqueles acontecementos que, segundo o Departamento de Formación da EIS, axuden a completar a formación do alumnado.