Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo » 2012

14/02/2012

Gómez Besteiro clausura o V Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería organizado polo IES de Foz.

campeonato baristas 3campeonato baristas 3

O Presidente destacou a aposta do instituto mariñano por unha especialidade profesional que “aumenta as posibilidades de inserción laboral” no sector servizos, ó que se dedican o 70% das empresas radicadas na comarca
A Deputación, a través da Fundación TIC, contribúe á difusión dos certames de baristas que promove o centro educativo focense dende a súa primeira edición
Maña realizarán a gravación do IV Campionato de Barista da Rexión Noroeste SCAE España que poderá ser seguido en directo mediante internet.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou este martes, xunto ó alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, na clausura do V Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería que acolleu o IES de Foz, un acto no que fixo entrega do primeiro premio do certame. O Presidente destacou “a gran labor” que desenvolve o instituto focense por promocionar unha especialidade profesional, “a arte de preparar cafés”, que se está revelando “como unha alternativa que aumenta as posibilidades de inserción laboral”. Subliñou neste senso que a Deputación comparte a aposta do centro educativo, “porque sabemos que o sector servizos é estratéxico na Mariña, pois, das máis de 5.000 empresas radicadas na comarca, o 70% dedícanse a esta actividade, e porque a formación especializada e a profesionalización da hostalería é unha das fórmulas para reducilo desemprego”.

De feito, o organismo provincial, a través da Fundación TIC, colabora na difusión dos campionatos de baristas que organiza o IES dende a súa primeira edición. Este ano, ó igual que nos anteriores, os alumnos do segundo curso dos ciclos de Produción e Realización da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC realizarán a gravación íntegra de ambos os dous certames –Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e Campionato de Baristas Rexión Noroeste SCAE-, o que permite a reprodución simultánea das demostracións dos participantes nunha pantalla. Posteriormente, os estudantes da Escola de Imaxe editarán un DVD, que se entregará ós responsables do IES de Foz para divulgalos eventos.

Trala celebración hoxe do Campionato Internacional de Baristas -no que participaron 15 escolas de hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal- mañá terá lugar o IV Campionato de Baristas da Rexión Noroeste SCAE (Asociación Europea de Cafés Especiais) de España, na que se darán cita 12 profesionais da hostalería de todo o país. Ó igual ca hoxe, haberá demostracións de Latte Art –deseños creados na superficie de cafés expresos- a cargo de ex alumnos do IES de Foz e degustacións de café gratuítas.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet