Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

07/06/2016

A TIC instalará unha pantalla no Salón de Plenos da Deputación para seguir o congreso “Rexeneración Urbana e Territorial”


-O Congreso organizado pola Deputación xa ten completo o aforo no Salón de Actos e habilita outro cento de prazas no de Plenos para atender todas as solicitudes

-A TIC tamén axudará á difusión do encontro que xuntará, os días 10 e 11 de xuño, a destacados arquitectos e catedráticos para debater sobre rehabilitación


A Fundación TIC colabora no congreso “Rexeneración Urbana e Territorial”, que organiza a Deputación e que xuntará en Lugo a destacados arquitectos e catedráticos de distintos puntos de España para debater sobre temas relacionados coa rehabilitación e a rexeneración urbana.
Da repercusión que está a ter o evento, que se celebrará os días 10 e 11 de xuño no Pazo de San Marcos, dá idea o feito de que xa teñen reservada praza para asistir a este congreso máis de 160 persoas, polo que xa está completo o aforo do Salón de Actos. Diante desta demanda, a Deputación decidiu habilitar o Salón de Plenos para ofrecer outro cento de localidades e poder atender así todas as solicitudes.

A TIC contribuirá na celebración e difusión deste importante congreso nun dobre aspecto. Dunha parte, alumnos e profesionais da TIC darán apoio técnico para facilitar que todas as persoas interesadas poidan seguir as intervencións e debates do congreso, a través dunha pantalla que se instalará no espazo que se vai habilitar para ampliar o aforo.

Ademais, a Fundación TIC axudará á difusión do encontro coa gravación integra das intervencións e debates e tamén elaborará reportaxes coa finalidade de dar a coñecer as reflexións dos expertos que participarán no encontro, entre os que figuran varios premios nacionais de Arquitectura.

Apoio á economía e aposta pola formación práctica

Co seu apoio á celebración e difusión deste encontro, a Fundación TIC axuda á difusión das oportunidades económicas e laborais que ofrece a rehabilitación eficiente e sostible e tamén facilita ao alumnado da Escola de Imaxe e Son a oportunidade de poñer en práctica na vida real os coñecementos adquiridos durante o curso escolar.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet