Produtora » Novas de Lugo » 2012

04/03/2012

A Fundación TIC potencia o labor de AUXILIA Lugo pola integración de discapacitados no seu 40º aniversario

firma convenio auxiliafirma convenio auxilia

O Presidente da Fundación e o Delegado deste colectivo na provincia asinaron un convenio para a realización, a custe cero, de traballos audiovisuais que amosen a evolución de AUXILIA Lugo coa testemuña dos seus membros e voluntarios
-Bolseiros da Escola de Imaxe e Son participarán, cos técnicos da TIC, na elaboración dos vídeos co fin de completar a súa formación e tomar contacto co mundo laboral
Con esta nova sinatura xa son máis de 50 asociacións luguesas sen ánimo de lucro coas que colabora a Fundación TIC, multiplicando no 2011 por 400% con respecto ó ano anterior, os convenios con ONG´s ou colectivos culturais e deportivos

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Delegado en Lugo de AUXILIA (Asociación de Voluntarios para a Integración Cultural e Social de Discapacitados Físicos), Manuel Ignacio Piñeiro Piñeiro, asinaron este xoves un convenio de colaboración para difundir o labor que este colectivo sen ánimo de lucro está a levar a cabo na provincia, coincidindo co seu 40º aniversario. O acordo recolle a realización, a custe cero, de traballos audiovisuais que amosen a evolución da entidade coas testemuñas das persoas que deixaron a súa pegada nela. Estes serán elaborados por técnicos da TIC e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual. Deste xeito, con esta iniciativa, a Deputación, organismo responsable da EIS, permite ós alumnos complementar a súa formación e tomar contacto co mundo laboral.

AUXILIA é unha asociación sen ánimo de lucro, fundamentalmente de voluntariado, que foi declarada de Utilidade Pública no ano 1974. En España, a asociación naceu en 1952, tendo como referencia o traballo que se estaba a desenvolver en Francia de cara á integración cultural e social das persoas con discapacidade e enfermos de larga duración, mediante o ensino presencial e a distancia, e as actividades de lecer. En Lugo, AUXILIA xurde no ano 1972. Nos seus corenta anos de vida, a entidade atravesou diferentes etapas ó tempo que medraban as súas actividades en prol da integración social, laboral e cultural dos seus asociados. Entre as iniciativas desenvoltas durante este tempo, cabe salientar a existencia dun grupo de teatro infantil e unha agrupación deportiva coa que participou nas olimpiadas paralímpicas. AUXILIA foi, ademáis, o xermolo do movemento cultural lucense: no seo da asociación xurdiu o popular grupo de folk Fuxan os Ventos.

A TIC ó servizo da provincia
Con AUXILIA xa son máis de 50 as asociación sen ánimo de lucro coas que a Fundación TIC colabora, e máis de 60 as empresas españolas do sector multimedia coas que mantén contratos. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral ós alumnos e titulados da EIS para que completen a súa formación e poidan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual. Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONG’s e asociacións culturais, ás que apoia no seu labor social, impulsando a inserción laboral de persoas con discapacidade; entidades deportivas que axudan a fomentar o deporte base, así como empresas que traballan en prol do emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. No último ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos lucenses.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet