Produtora » Novas de Lugo » 2013

29/05/2013

Alumnos da Escola de Imaxe e Son realizaron unha reportaxe sobre a Esclerose Múltiple en colaboración con ALUCEM

imaxe da gravación da reportaxeimaxe da gravación da reportaxe

-O traballo dos alumnos proxectarase no Obradoiro da Esclerose Múltiple, que se celebra no HULA ás 20:00 horas de hoxe, Día Mundial desta enfermidade
- A reportaxe recolle testemuños de afectados, que aportan os seus puntos de vista sobre a enfermidade, a súa atención sanitaria ou o descoñecemento por parte da sociedade
- Esta asociación sen ánimo de lucro é unha das máis de 100 coas colabora a Fundación TIC para divulgar o seu labor e permitir a alumnos e bolseiros da EIS realizar traballos profesionais de xeito habitual.



Os alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), dependente da Fundación TIC, veñen de prestar a súa colaboración coa Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) elaborando unha reportaxe para dar a coñecer a realidade desta enfermidade e das persoas que a padecen, 350 na provincia de Lugo e 2.500 en toda Galicia. O vídeo proxectarase hoxe, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Esclerose Múltiple, e recolle os testemuños de tres afectados de EM, que aportan os seus puntos de vista sobre o descoñecemento por parte da sociedade sobre este trastorno ou a atención sanitaria específica que necesita este colectivo.

Os estudantes da EIS, o único centro público da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual, encargáronse de executar a totalidade do proxecto, dende a produción e edición ata a postprodución do mesmo, no módulo de montaxe co que contan na Escola. O froito deste traballo darase a coñecer durante un Obradoiro sobre a Esclerose Múltiple, que se celebra esta tarde, a partires das 20:00 horas, no HULA. Durante o encontro daranse a coñecer aspectos desta enfermidade, coma as súas manifestacións clínicas, diagnóstico e tratamento, así coma os procedementos máis axeitados para ensinar a pacientes e familiares as habilidades precisas para afrontar o proceso da enfermidade.

Pola inserción laboral
ALUCEM é unha das máis de cen asociacións sen ánimo de lucro coas que a Fundación TIC ten asinado convenios co dobre obxectivo de divulgar o seu labor ó tempo que os alumnos realizan prácticas reais e os titulados contan cun completo programa de bolsas que melloran as súas posibilidades de inserción laboral de todos eles. Ademais, a TIC mantén contacto con 70 empresas do sector audiovisual que contan a miúdo con alumnos e bolseiros, o que lles permite realizar traballos profesionais de xeito habitual.

A Escola de Imaxe e Son de Lugo oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuaise conta con matrícula gratuíta dende hai cinco anos para todos os alumnos, agás os repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet