Produtora » Novas de Lugo » 2013

12/09/2013

A directora de cine Gracia Querejeta inaugura este luns o novo curso da Escola de Imaxe e Son de Lugo

gracia Querejetagracia Querejeta

Preseleccionada para representar a España nos Oscar con “15 años y un día”, Querejeta manterá un encontro cos alumnos ás 17:00 no Salón de Actos da Deputación que estará aberto ó público
Por sexto ano consecutivo cubríronse as 44 prazas dos Ciclos Superiores de Realización e Produción con matrícula gratuíta
Mañá terá lugar a xornada de presentación do curso nas instalación do Centro de Produción de Programas, onde os alumnos realizarán a súa formación práctica

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a directora de cine Gracia Querejeta inaugurarán este luns o curso 2013-2014 da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual. A inauguración oficial será ás 17:00 horas no Salón de Actos da Deputación e estará aberta ó público interesado en coñecer as reflexións da cineasta madrileña, de actualidade estes días pola súa última película, “15 años y un día”, que vén de ser preseleccionada para optar a representar a España nos premios Oscar de Hollywood.

Gracia Querejeta, filla do produtor Elías Querejeta e membro dunha xeración de xoves directoras de recoñecido prestixio, como Icíar Bollaín, Isabel Coixet ou Patricia Ferreira, expoñerá ós alumnos a súa experiencia dentro do mundo do cine e atenderá todas as cuestións que lle formule o público presente.

O curso 2013-2014 comeza coas 44 prazas dos Ciclos Superiores de Realización e Produción da EIS cubertas. Este é o sexto ano consecutivo que a Escola da TIC completa a matriculación, e con lista de espera no apartado de Realización. Ademais a matrícula volveu ser de balde, agás para os repetidores, grazas ó esforzo económico da Fundación, co obxectivo de facilitar o acceso a un ensino gratuíto de calidade.

A presentación ós alumnos de 1º e 2º terá lugar mañá venres no Centro de Produción de Programas da Fundación (CPP), onde realizarán a súa formación práctica ó longo do curso, e que fai da EIS de Lugo un referente en Galicia. Ademais dos horarios e módulos que se impartirán este ano, manterán o primeiro contacto con docentes e técnicos auxiliares docentes e coñecerán as instalacións que contan, entre outras dotacións, con plató, mesas de realización e de son e cámaras robotizadas e operadas.

Gracia Querejeta é a continuadora dunha saga de cineastas que comezou o seu pai, o produtor Elías Querejeta, que lle abriu o camiño no mundo do cine e produciu varias das súas películas. A súa primeira experiencia profesional detrás dunha cámara foi como auxiliar de dirección en “Dulces horas”, en 1981, ás ordes de Carlos Saura. En 1988 dirixiu a curta “Tres en la marca” coa que obtivo o premio Teatro Arriaga de Bilbao. En 1990 realizou, xunto a Jesús Ruiz e Nacho Pérez de la Paz, “El Viaje del agua”, premio Goya ó mellor documental español.

En 1992 dirixíu a súa primeira película en solitario, “Una estación de paso”, premio especial do xurado na semana de cine de Valladolid. Despois seguíronlle “El último viaje de Robert Rylands” e “Cuando vuelvas a mi lado”. En 2004 dirixiu “Héctor”, galardoada co premio á mellor película no Festival de Málaga do Cine Español e en 2007, “Siete mesas de billar francés”, con varias candidaturas ós Goya, entre elas á mellor dirección. En 2008 recibiu o premio Ciudad de Cuenca do Festival Internacional de cine Mulleres en Dirección en recoñecemento á súa traxectoria. Ademais realizou outros traballos, como os documentais “Primarias” ou “El trabajo de rodar”. O seu último traballo é “15 años y un día” co que volveu gañar a Biznaga de Ouro á mellor película no Festival de Cine Español de Málaga e unha das catro longametraxes preseleccionadas para optar a representar a España no Oscar.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet