Produtora » Novas de Lugo » 2011

05/05/2011

A Fundación TIC realizou máis de 400 actividades e produtos audiovisuais en 2010

Imaxe da reunión do padroadoImaxe da reunión do padroado

O organismo dependente da Deputación aproba as contas do pasado ano cun grao de execución que supera o 97%, e que ascenden as máis de 1,5 millóns de euros.
En 2010 incrementouse en máis dun 300% o número de convenios de colaboración para a promoción económica, cultural e deportiva da provincia.
A Fundación contribúe a difundir e dar a coñecer o labor desenvolvido pola ONG Cova da Terra coa elaboración dunha reportaxe polo seu 15 aniversario.

O Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación, aprobou este martes a conta anual do exercicio 2010 cun grao de execución do 97,52% do presuposto, que ascendeu a 1.515.000 euros. Na sesión, á que asistiron os membros do padroado designados por cada un dos grupos políticos con representación na institución e os expertos do sector -o director Jorge Coira e o produtor José María Besteiro- tamén se analizou a memoria de actividades de 2010 que incluíu máis de 400 actividades e produtos audiovisuais baseados nas liñas básicas de traballo establecidas nos seus principios fundacionais: a educación e formación e a produción e promoción.

O Presidente da Fundación e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que “en 2010 incrementamos o número de actividades destinadas, en primeiro lugar, a formar, tanto desde o punto de vista teórico como práctico, ós nosos alumnos e bolseiros, xa que a nosa máxima prioridade é facilitar a súa inserción laboral. Pero entre os nosos obxectivos tamén estivo a promoción económica, cultural e deportiva da provincia, e para elo, aumentamos en máis dun 300% o número de convenios de colaboración con empresas e asociacións sen ánimo de lucro”. Nestes momentos, a TIC estableceu acordos con 26 organizacións, da que 15 son entidades deportivas e 11 asociacións sen ánimo de lucro.

Interacción EIS e CPP
Para que os alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS) –único centro da provincia no que se imparten ensinanzas da rama audiovisual- poidan realizar prácticas profesionais, en 2010 investíronse sen incrementar a débeda pública 383.000 euros na mellora de instalacións da Fundación, deseñadas para a docencia e coas mesmas características e distribución de espazos que existen na realidade laboral. O Centro de Produción de Programas (CPP) dotouse, entre outro equipamento, de cámaras robotizadas e operadas para o plató, control de realización, mesa de mezclas e un servidor de equipamento compartido.

Na memoria de actividades da EIS incluíronse encontros dos alumnos con profesionais do audiovisual como os candidatos lucenses ós Goya, Arturo Vaquero e María Hervera, a delegada de Filmax Galicia, Inmacualda Castaño, o director de animación de Bren Entertainment, Alberto Neira, e o director xeral de Telecinco Cinema, Alvaro Regañón. Tamén a asistencia ó programa “Hoy por Hoy” da Cadena SER, as colaboracións co IV campionato de baristas de Foz, o documental “Legado migratorio santaballés”, as xornadas “Focos e fogóns: cine, televisión e cociña” e a estrea das curtametraxes “Aliendu” e “Vilacazáns” realizadas polos alumnos da Escola.

Promoción da provincia
No pasado exercicio, a Fundación colaborou con 41 empresas e asociacións sociais e deportivas sen ánimo de lucro da provincia para a realización de espazos de divulgación. A través de reportaxes e spots, deuse a coñecer o labor que están a desenvolver en prol da sociedade, a cultura e o deporte base e no desenvolvemento económico da nosa provincia.

Ademais, a través do CPP promocionouse ós Concellos e ás actividades que xeneran: o Lugo10, a feira do capón de Vilalba, a Feira de Santos de Monterroso, a danza da Cervela do Incio, o Entroido de Monforte ou as rutas de Km0, son algúns exemplos. Tamén se cubriron actos e actividades de interese provincial para a súa distribución e difusión en medios de comunicación de ámbito local, autonómico e nacional, e colaborouse con producións audiovisuais desenvoltas en Lugo como “Camiño de Santiago por América”, “Reservas da Biosfera da provincia”, “Triste soledad de un violinista” ou un vídeo musical “Torres de Compostela” da eurovisiva Lucía Pérez.

Prazo de matrícula
Dende o inicio da actividade da EIS, a única da provincia, máis de 200 alumnos cursaron os seus estudos de Produción e realización. O de 2010 foi o curso no que, por segunda vez, se cubriron todas as prazas e no que, debido ó éxito de demanda, houbo unha ampla lista de espera. Neste senso, Gómez Besteiro anunciou que a mediados de xuño se abrirá o prazo de inscrición para o curso académico 2011-2012 para o que se ofertan 44 novas prazas, 22 para o módulo de Produción e outras tantas para o de Realización.

Fundación TIC
A Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) é unha entidade sen ánimo de lucro promovida pola Deputación de Lugo e sobre a que exercie o protectorado a Consellería de Educación. É un instrumento que promove a formación e a produción no ámbito das novas tecnoloxías da información e da comunicacción. Neste senso, a súa actividade está dirixida ó fomento da educación, da investigación e o desenvolvemento das TIC, así como ó impulso e consolidación da denominada sociedade da información de maneira que se contribúa a mellorar a formación relativa a estas teconoloxías na provincia de Lugo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet