Produtora » Novas de Lugo » 2012

28/03/2012

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son presentan os proxectos audiovisuais de fin de curso nunha gala teatralizada

  • archivos/fotos/grandes/_77K6097(1).jpg

    foto1

    foto1
  • archivos/fotos/grandes/_77K6116.jpg

    foto2

    foto2
  • archivos/fotos/grandes/_77K6108(1).jpg

    foto3

    foto3







Gómez Besteiro participou na proxección do thriller “Post Mortem” e do documental “Proxecto Campá”, realizados na súa totalidade polos estudantes da promoción 2010-2012
Son o colofón a un traballo de 6 meses e o pase para obter o título superior en Imaxe e Son na EIS, o único centro da provincia que ofrece formación superior no eido do audiovisual

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, participou este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na proxección dos traballos audiovisuais de fin de curso realizados, na súa totalidade, polos alumnos da Escola de Imaxe e Son da promoción 2010-2012. Na sesión, aberta ó público, os estudantes ofreceron unha premiere distinta e innovadora co teatro como fío condutor. Así, e co apoio do equipo docente, deron vida sobre o escenario ós personaxes e escenas máis representativas de cada unha das producións, coas que deron paso á proxección dos traballos.

O primeiro que se puido visualizar foi “Post Mortem”, un thriller de 15 minutos, que conta a historia de Pablo, un mozo que ve alterada a súa tranquila vida ó recibir a chamada do seu gran amigo Lucas, que se atopa en apuros. É a partir dese momento cando terán que demostrar ata onde chega a súa amizade.

A trama desenvólvese en varios exteriores de Lugo, tendo como escenarios principais as rúas Progreso e Río Eo. Para os interiores elixiuse unha vivenda particular da Avenida da Coruña. Na elaboración do filme traballaron 14 alumnos da EIS. Os lucenses Anxo Manuel Lamelo e Mauro Longarela interpretan o dúo de amigos, nos papeis de Lucas e Pablo, respectivamente, mentres que Álvaro López fai do cadáver e Pedro Ángel Rodríguez de detective. A modelo lucense Melina Fernández fai un cameo neste traballo audiovisual.

Posteriormente, proxectouse o documental “Proxecto Campá”, que amosa o novidoso método levado a cabo polo Doutor Campana, psicólogo de gran traxectoria profesional, para o tratamento de persoas que sofren enfermidades raras. A súa idea consiste en reunir a determinados pacientes nunha mesma sala para que compartan as súas vivencias, e así poidan atopar unha forma de soportar a súa doenza, día a día.
Na rodaxe de “Proxecto Campá”, participaron 12 alumnos e desenvolveuse principalmente no antigo Xeriátrico San Rafael, de Castro de Rei. Neste caso, o encargado de interpretar o papel do doutor é Alberto da Sinda, actor galego coñecido pola súa participación en series como “Matalobos” ou “Libro de Familia”.

Seis meses de traballo
Os proxectos son o colofón a un traballo de seis meses, onde os estudantes poñen en práctica todos os coñecementos adquiridos nestes dous últimos anos e supoñen o fin do seu período formativo na EIS, ó que os converte na última promoción de titulados da Escola, a única da provincia que ofrece ensinanzas superiores no ámbito audiovisual.

Desde o inicio da súa actividade no 2003, pola Escola de Imaxe e Son de Lugo pasaron máis de 300 estudantes que cursaron os ciclos superiores de Produción e Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos.

O centro educativo, dependente da Fundación TIC, ten como eixo fundamental a combinación de formación e práctica en contextos e escenarios reais, o que permite vencellar directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Neste senso, a TIC mantén, na actualidade, convenios con asociación socioculturais, deportivas e empresas da provincia, nos que participan bolseiros da Escola, co fin de que completen os seus coñecementos e tomen contacto co mundo laboral. Así mesmo, a TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais do sector audiovisual.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet