Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

18/05/2016

A TIC recibe o Premio Institución Amiga do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes


-Campos agradeceu en nome do persoal e alumnos da Fundación este premio que recoñece a colaboración desinteresada da TIC en actividades como o concurso de curtas “Cinco e Acción”

-O Presidente da TIC dixo que “esta a colaboración forma parte do intercambio de experiencias con centros educativos da provincia co obxectivo de que redunde en beneficio do alumnado”

-Preto de 300 estudantes do Ollos Grandes participaron nas visitas didácticas ás instalacións da Fundación TIC

A Fundación TIC recibiu este venres o Premio Institución Amiga que outorga cada ano o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes a unha institución pública pola súa colaboración desinteresada co instituto lucense. O Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, que foi o encargado de recoller o galardón, agradeceu “en nome de todos os que formamos a familia da TIC, tanto persoal como alumnos e titulados da nosa Escola de Imaxe e Son, este premio. Para nós é unha honra e un orgullo, xa que ás veces os recoñecementos máis sinxelos son os máis valorados”.

Campos dixo que “a colaboración da TIC forma parte do intercambio de experiencias que mantemos con centros educativos da provincia co obxectivo de que redunde en beneficio do alumnado, tanto da EIS como, neste caso, do instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes, co que colaboramos en ámbitos relacionados co mundo audiovisual como seminarios sobre edición de vídeos ou gravación de curtas. Ademais, varios grupos de estudantes deste centro participaron nas visitas didácticas ás nosas instalacións”.



Colaboración frutífera

O acto de entrega formou parte da presentación da revista anual do centro “Tempus de Letras”, que coordina o equipo de Dinamización Lingüística. O Presidente da TIC estivo acompañado polo director do centro, Ramiro Gayoso, e o coordinador do equipo de Dinamización Lingüística, Javier Gómez. Ademais, alumnos e alumnas do instituto expuxeron varias actividades de homenaxe a Manuel María, poeta chairego ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. De feito, a Casa Museo Manuel María foi o premiado como Institución Amiga o ano pasado.

A colaboración entre a Fundación e o Ollos Grandes está a ser moi frutífera. Destaca o concurso de curtametraxes “Cinco e Acción”, no que participaron alumnos de 4º de ESO logo de asistir a un obradoiro de iniciación á curta impartido por profesores da EIS. Tamén protagonizaron nos estudos da TIC nun talent show que gravaron estudantes de 2º e Realización e Produción a EIS.

Ademais, o alumnado do Nosa Señora dos Ollos Grandes participa todos os anos nas visitas didácticas ás instalacións da TIC, que inclúen a realización e presentación do Ticodiario, un informativo televisivo. Nos dous últimos cursos, visitaron a TIC un total de dez grupos, dos que sete eran de alumnos do Ollos Grandes e tres de estudantes franceses e alemáns que estaban de intercambio co centro lucense. En total 287 estudantes.


Un pouco de historia

A orixe do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, que aínda se sigue a coñecer popularmente como o Feminino, parte de 1941, cando o antigo Instituto Nacional de Ensinanza Media de Lugo se desdobrou en dous, un masculino e outro feminino, atendendo á ideoloxía daquela época, contraria á coeducación de rapaces e rapazas.

Os seus comezos foron na actual sede da Deputación, no Pazo de San Marcos. O actual edificio foi inaugurado no curso 1958-59. O actual edificio foi inaugurado no curso 1958-59. En 1984 comezou a acoller tamén rapaces. No 2007-08 fixéronse unhas importantes obras de modernización.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet