Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

03/02/2015

Gómez Besteiro presentou o vídeo do flasmob multitudinario SOMOS con motivo do Mes Internacional do Cancro Infantil

- Numeroso público asistiu no Salón de Actos á proxección do videoclip da TIC gravado o pasado novembro no HULA polos alumnos da Escola de Imaxe e Son
- Con este evento, apoiado por máis de 600 persoas, naceu a asociación Somos Unidos por el Cáncer para axudar aos enfermos e familiares afectados por esta doenza na provincia
- Ademais deste traballo, a TIC deu a máxima difusión á iniciativa na Internet con reportaxes fotográficos e de vídeo, contribuíndo así ao impulso do novo colectivo

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o presidente de Somos Unidos por el Cáncer, José Manuel Vázquez, acompañados polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentaron este martes o vídeo do flasmob que organizou o colectivo lugués o pasado 15 de novembro no Hospital Lucus Augusti, e que gravaron e editaron alumnos da Escola de Imaxe e Son da TIC. Gómez Besteiro felicitou á asociación polo éxito desta iniciativa, na que máis de 600 persoas bailaron contra o cancro infantil porque “xuntos, os pasos convértense en saltos para atallar esta lacra”.

O Presidente provincial destacou que, con esta peza musical, a través da TIC “damos tamén un paso máis no compromiso social da Fundación coas entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia”, colaborando na difusión das súas actividades e, ao mesmo tempo, “garantimos a formación práctica e de calidade en escenarios reais dos estudantes da Escola da TIC”, prioridades principais do único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama do audiovisual .

Numerosas persoas, entre elas membros da asociación formada por pais, nenos e adolescentes afectados polo cancro, asistiron á proxección do videoclip, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos con motivo da celebración, o 15 de febreiro, do Día Internacional do Cancro Infantil, que se conmemora durante todo o mes. O presidente da asociación agradeceu a colaboración da TIC neste proxecto, xa que agora “temos un soporte co que podemos proxectar o sorriso da asociación a todos os cidadáns e acadar máis apoios para poder dicir que cada vez SOMOS máis na loita contra esta doenza”.
Máxima difusión nas redes
Ademais do videoclip, a Fundación divulgou na Internet reportaxes fotográficos e de vídeo realizados por técnicos da TIC, que tiveron unha grande acollida nas redes sociais. Vázquez destacou que, grazas á difusión destes traballos, “milleiros de internautas coñeceron esta iniciativa”, na que máis de 600 persoas de todas as idades bailaron na entrada do HULA cun pano amarelo, a cor que simboliza o cancro infantil, coa coreografía dirixida por profesionais da escola Star Dance de Lugo, e ao ritmo do himno Puedo, composto polo lucense David Taboada para a asociación.

Primeiro paso de moitos
Este flasmob é o primeiro paso de moitos que Somos Unidos por el Cáncer quere dar, logo da súa creación o pasado 15 de outubro de 2014, por iniciativa dun grupo de pais, nenos e adolescentes afectados polo cancro. Malia que arrancaron con esta iniciativa de apoio aos enfermos máis pequenos, o colectivo prestará atención e axuda aos doentes e familiares de todo tipo de patoloxías oncolóxicas.

Entre os seus principais obxectivos está recadar fondos para a investigación dos tumores, a prevención e a organización de campañas informativas para concienciar á poboación xa que, xunto coas enfermidades circulatorias e do aparato respiratorio, o cancro é unha das principais causas de morte en Galicia, segundo datos da Consellería de Sanidade.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet