Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

23/04/2015

A TIC apoia unha nova edición de Comercio na Rúa que promove a Asociación de Autónomas de Lugo

-Alumnos e bolseiros gravan a sexta edición do Street Market na que participan 76 establecementos do casco urbano en horario ininterrompido de 10:30 a 20:30 horas
- A TIC elaborará un DVD e diversas reportaxes para a difusión desta iniciativa coa que colabora desde a súa primeira edición

A TIC súmase a unha nova edición de Comercio na Rúa- Street Market que se celebra este xoves no casco urbano de Lugo organizado pola Asociación de Autónomas. Nesta sexta convocatoria, ao igual que nas anteriores, un equipo formado por alumnos, bolseiros e profesionais da Fundación gravarán ao longo da xornada aos 76 establecementos participantes e elaborarán un vídeo para contribuír ao impulso da actividade comercial da cidade. Ademais, faranse reportaxes para a súa difusión nas redes sociais e en diversos medios de comunicación.
O Street Market ou Mercado na Rúa, co que tamén colaboran Concello e Deputación, conta coa participación de negocios de todos os sectores que sacan á rúa as súas mercadorías con grandes descontos. Esta iniciativa celébrase nos meses de abril e setembro coincidindo co remate das tempadas de inverno e verán. O obxectivo é atraer ao centro da cidade a lucenses e visitantes para que coñezan de preto o que ofrece o comercio lucense e animar ás vendas cara a campaña de rebaixas.
A TIC cos autónomos da provincia
A Fundación TIC colabora con esta iniciativa desde a súa primeira edición, froito do convenio coa Asociación de Autónomas de Lugo. Esta colaboración súmase a outras como a Feira Outlet ou a Noite Aberta organizadas polas autónomas luguesas para potenciar o comercio da cidade. Ademais, a entidade dependente da Deputación apoia outras actividades de impulso ao sector na nosa provincia, como a Noite Aberta de Sarria ou a Gala Lucus Moda.

A Asociación de Autónomas de Lugo é unha das preto de 150 coas que ten asinado convenio a TIC. Grazas a estes acordos, contribúese a difundir o labor que desenvolven ao tempo que se proporcionan prácticas en escenarios reais aos alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanza superior da rama audiovisual.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet