Produtora » Novas da Fundación TIC

27/01/2016

A TIC realizará un documental sobre a construción dun batuxo das Insuas cun dos últimos carpinteiros de ribeira


- A Fundación colabora coa Asociación Galega de Custodia do Territorio na divulgación do proxecto “Facendo un batuxo con Pepe do Caurelciño”

- Un equipo da TIC levará a cabo a gravación íntegra da montaxe que terá lugar este sábado, día 30, na Casa das Insuas,en Rábade


A Fundación TIC colabora coa Asociación Galega de Custodia do Territorio, AGCT, na divulgación do seu labor de conservación e recuperación do patrimonio natural con iniciativas como a construción dun batuxo das Insuas.

Un equipo da TIC realizará un documental coa gravación íntegra da montaxe da embarcación que dirixirá un dos últimos homes de ribeira da Terra Chá, Pepe do Caurelciño de 90 anos de idade. A actividade terá lugar este sábado, día 30, na Casa das Insuas, en Rábade.

No proxecto “Facendo un batuxo con Pepe de Caurelciño” participarán tamén o carpinteiro Carlos González e o guía de espazos naturais Fernán López. A xornada dará comezo ás 10:30 ata ás 14.00 horas, e dende as 16.00 ás 18.00 horas. As persoas interesadas en asistir pódense anotar cunha chamada ao teléfono 626 420 766 ou no correo electrónico casadasinsuas@gmail.com

Custodia do Territorio

A AGCT constituíuse o 26 de abril do 2008, en Rábade, co fin de que “as persoas podamos desenvolver unha vida digna en harmonía e respecto co noso rico entorno natural”. Entre os seus obxectivos figuran a difusión e fomento da custodia do territorio, facendo partícipe á sociedade civil da xestión sustentable do mesmo.

Para acadar os seus fins, a asociación traballa cos propietarios e cos usuarios do territorio na conservación do patrimonio natural e cultural, e no uso sustentable dos recursos naturais


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet