Produtora » Novas da Fundación TIC

01/02/2016

Éxito da Xornada de pitching na que alumnos da EIS presentaron 24 ideas a directores e guionistas profesionais


-Darío Campos destacou “este punto de encontro do talento emerxente nos nosos alumnos con profesionais a través dunha técnica que se está a impoñer no mercado audiovisual”

-18 directores e guionistas mantiveron reunións individuais cos alumnos nas que estes lles presentaron desde curtametraxes ata talent shows, docusoaps ou festivais de música

-Esta actividade forma parte do modelo formativo da EIS baseado nas prácticas en escenarios reais e o contacto co profesionais en activo


O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, mantivo un encontro este sábado cos alumnos da Escola de Imaxe e Son, directores e guionistas que participaron na Xornada de pitching organizada pola TIC en colaboración coa Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) e a Asociación Galega de Guionistas (AGAG).

Campos destacou a importancia desta iniciativa que cumpre varios obxectivos: “Por unha banda, os nosos alumnos e alumnas poñen en práctica nun escenario real o pitching, unha técnica que se está a impoñer no mercado audiovisual e, por outra, serve de punto de encontro entre o talento emerxente dos estudantes da nosa Escola e profesionais de recoñecido prestixio, entre eles, o patrón da TIC e candidato ao Goya 2016 á mellor montaxe, Jorge Coira”.

O máximo responsable provincial dixo que “é necesario que os futuros profesionais que estamos a formar desenvolvan novas habilidades adaptadas a un mercado cada vez máis competitivo. Non é dabondo que un director ou guionista teña talento e unha boa idea. É necesario ademais, saber comunicala dun xeito conciso e atractivo para saber captar a atención e o interese da produtora en moi pouco tempo”.

Variedade de proxectos

Os alumnos e alumnas de 2º de Realización e Produción presentaron un total de 24 proxectos, que abarcan unha grande variedade de materias: eventos culturais, festivas de música, documentais, curtametraxes, programas de televisión, publirreportaxes, talent shows, docusoaps e ata un evento de entrega de premios a series de televisión galegas.

Os encontros foron dun máximo de media hora cada un. Durante os 10 primeiros minutos cada alumno expuxo a súa idea a un dos directores ou guionistas. O resto de tempo dedicouse aos comentarios e preguntas, coa finalidade de sinalar os puntos fortes e débiles da idea ou como se pode mellorar tanto o proxecto como a súa exposición.

Na xornada participaron un total de 18 profesionais. 12 directores: Jairo Aldana, Ozo, Jorge Coira, Omar Rabuñal, Belén Montero, Samuel Lema, Xosé Antón Cascudo, Toño López, Chema Gagino, Jorge Saavedra, Gaspar Broullón e Sonia Méndez; e 6 guionistas: Marcos Nine, Xes Chapela, Araceli Gonda, Adolfo Ponte, Javier Trigales e Marco Estebo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet