Produtora » Novas da Fundación TIC

19/02/2016

Máis de 2.000 persoas seguiron os Campionatos Internacionais de Baristas de Foz a través da web da TIC

-Alumnos da EIS foron os encargados da emisión por streaming das tres competicións que, unha vez rematadas, poden verse íntegras na canle de YouTube da Fundación TIC.

-O IES de Foz é unha das máis de 150 entidades e asociacións coas que colabora a TIC para contribuír á difundir as súas actividades



A emisión por streaming dos campionatos internacionais de baristas de Foz a través da web da TIC, www.fundaciontic.org, foi todo un éxito, con máis de 2.000 visitas ao longo dos tres días de competición. Unha vez rematados os campionatos, todas as persoas interesadas que non puideron seguilos en directo ou que desexen facelo de novo, poden velos íntegros na canle de YouTube da Fundación TIC.

Os alumnos e alumnas de 2º de Realización da Escola de Imaxe e Son, co apoio de docentes, foron os encargados de emitir a través de internet os tres campionatos, desenvolvidos do 16 ao 18 de febreiro: IX Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, o IV Campionato Internacional de Baristas Profesionais e o IV Campionato Internacional de Cata de cafés de Escolas de Hostalería.

Esta actividade da TIC é unha das prácticas do alumnado en escenarios reais, neste caso do módulo de Realización de Televisión. Para esta práctica os estudantes empregaron unha unidade móbil, 5 cámaras autónomas e o material necesario para o streaming. Cada alumno rotou por todos os postos, dende realización, son ou operador de cámara. Coma noutras edicións, o material audiovisual que se obteña empregarase para a edición dun DVD, que se entregará posteriormente ao IES de Foz.

Máis de 150 convenios

A emisión en directo das tres competicións é froito do convenio de colaboración entre a Fundación e o instituto focense, que ten por obxectivo promover as ensinanzas de hostalería do IES mariñán e completar con prácticas a formación do alumnado da EIS. O instituto focense é unha das máis de 150 entidades ou asociación ás que a TIC presta o seu apoio para contribuír a unha maior difusión das súas actividades.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet