Produtora » Novas da Fundación TIC

08/03/2016

A TIC colabora na difusión do IX Desafío Volta a Lugo do 20 ao 22 de maio

-O patrón da Fundación TIC, Álvaro Santos, presentou un vídeo promocional da primeira volta cicloturista por etapas de Galicia con chegadas e saídas en Lugo, Muras e Sarria

- A Volta está dividida en 3 etapas que suman uns 400 quilómetros de distancia 7.000 metros de desnivel positivos

- A TIC tamén contribuirá á promoción do evento deportivo coa elaboración de reportaxes e vídeos para a súa difusión a través dos medios e redes sociais

A Fundación TIC súmase un ano máis ao Desafío Volta a Lugo, que na súa novena edición se celebrará os días 20, 21 e 22 de maio. Este luns, durante a presentación da proba, proxectouse un vídeo promocional elaborado pola TIC no que se detallan as tres etapas, con saídas e chegadas en Lugo, Muras e Sarria. Ademais elaborará reportaxes e vídeos da Volta para a súa difusión nos medios e nas redes sociais.

O patrón da TIC, Álvaro Santos, dixo que “apoiamos un ano máis este evento cicloturista, o primeiro por etapas de Galicia e un dos poucos deste tipo se organizan en toda a península, que cada edición trae á nosa provincia ciclistas nacionais e internacionais que queren vivir a experiencia dunha volta ciclista por etapas coma os deportistas profesionais, con todos medios técnicos e loxísticos característicos destas probas”.

“Pero o Desafío vai moito máis alá da parte puramente deportiva, xa que propón uns percorridos por fermosas e variadas paisaxes das comarcas de Lugo, desde portos de montaña de gran categoría a tramos pola Terra Chá, que contribúen a dar a coñecer o moito e bo que ofrece a nosa provincia”, apuntou o representante da TIC.

Ademais de Álvaro Santos, na presentación participaron o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antonio Veiga, o Alcalde de Muras, Manuel Requeijo, os Concelleiros de Deportes de Lugo e Sarria, Miguel Fernández e Efrén Castro, o presidente do comité organizador da IX Volta ás Comarcas, José María Seijas e o director da proba Santiago Seijas.

400 quilómetros en 3 etapas

Desafío Volta Lugo é unha proba de carácter individual, de resistencia e de bicicleta de estrada para ciclistas maiores de 18 anos de ambos sexos. Está dividido en 3 etapas que transcorrerán polas Comarcas de Lugo, que suman uns 400 quilómetros de distancia e uns 7.000 metros de desnivel positivos.

A colaboración da TIC é froito do convenio asinado co Club Ciclista Cidade de Lugo, para promover o seu labor de fomento o deporte. Na actualidade son máis de 150 as organizacións que manteñen acordos de colaboración coa TIC, para difundir as súas actividades e facilitar aos alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son prácticas profesionais en escenarios reais.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet