Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

22/03/2016

A TIC colabora co Concello de Pedrafita na difusión da XXX Feira do Queixo do Cebreiro

pedrafita pedrafita

Un equipo da TIC realizará unha reportaxe ampla e prestará apoio técnico durante a cita gastronómica que o Venres Santo atrae milleiros de persoas á Montaña lucense
A achega da Fundación TIC é froito do compromiso que mantén cos Concellos de Lugo para difundir as actividades que organizan e promover a provincia

A Fundación TIC colabora co Concello de Pedrafita na difusión da XXX Feira do Queixo do Cebreiro, que se celebra este venres, día 25. Un equipo da TIC realizará unha reportaxe ampla sobre o certame, que cada Semana Santa atrae milleiros de persoas á Montaña lucense.
Asemade, a TIC prestará apoio técnico á organización, encargándose da amplificación do son no recinto feiral, durante o pregón. Este ano, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, será a encargada de pronuncialo a partir das13.00 horas.
A festa gastronómica, que organiza o Concello de Pedrafita en colaboración co Consello Regulador do Queixo do Cebreiro, reunirá ás catro queixerías acollidas á Denominación de Orixe Protexida. Son “Castelo de Brañas”, “Quesos Santo André”, “Queixos Marqués de Cernadas” e “Queixo Fonchave”, que porán á venda o queixo artesán con forma de seta ou gorro de cociñeiro.
Os que acudan o Venres Santo a Pedrafita tamén poderán mercar produtos doutras denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas tanto de queixo, coma mel, viño ou pan, e mesmo artesanía.
A zona de produción dos queixos do Cebreiro abrangue aos municipios de Baralla, Becerreá, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro.
A colaboración da TIC é froito do compromiso da Fundación cos Concellos de Lugo, para difundir as actividades que organizan e promover a provincia.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet