Produtora » Novas da Fundación TIC

13/04/2016

A Fundación TIC emitirá en streaming o V Concurso Lucus Intercentros dende o IES Muralla Romana


- No certame de preguntas e respostas, que se celebrará este venres 15 de abril, participarán estudantes de primeiro curso de Bacharelato de sete institutos da capital

- Bolseiros e técnicos da TIC utilizarán catro cámaras para a transmisión en directo que se poderá seguir nas web da Fundación e o centro de ensino

A Fundación TIC, dependente da Deputación, emitirá en directo a través de internet o V Concurso Lucus Intercentros, que se celebra este venres, día 15 de abril, no IES Muralla Romana. No concurso de preguntas e respostas participan estudantes de primeiro curso de Bacharelato de sete institutos da capital. O certame está organizado por alumnos de Administración e Xestión do Muralla Romana, coa achega do departamento de Informática, do CIFP Politécnico de Lugo, da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e da Escola de Imaxe e Son de Lugo, EIS.

Un equipo de bolseiros e técnicos da TIC empregará catro cámaras e todo o material preciso para a transmisión vía streaming. As persoas interesadas en seguir o evento en tempo real só teñen que premer sobre o banner que aparecerá nas web da TIC www.fundaciontic.org e do IES Muralla Roma www.edu.xunta.es/centros/iesmurallaromana/


Ademais, os alumnos e profesores dos institutos participantes poderán seguir a evolución da competición desde as aulas. Posteriormente, coas imaxes gravadas, os estudantes da EIS editarán un DVD que se entregará aos centros educativos da capital co fin de divulgar esta actividade.


Colaboración educativa

O Lucus Intercentros, que comezará ás 11:00 horas, no salón de actos do IES Muralla Romana, busca relacionar aos alumnos e profesores dos institutos de educación secundaria públicos de Lugo. A xornada lúdica é unha das prácticas do currículo de Asistencia á Dirección na organización de eventos e actos públicos, que se imparte no centro anfitrión.


A Fundación TIC e o IES Muralla Romana manteñen unha estreita colaboración froito do convenio asinado co fin de promover as ensinanzas que se imparten no instituto lugués, ao tempo que os estudantes da EIS completan a súa formación de cara a súa inserción laboral.


Probas eliminatorias

O concurso desenvolverase ó longo da mañá do venres con probas eliminatorias. Cada centro presenta un equipo formado por 3 alumnos, que se someterán a unha decena de preguntas de cultura xeral elaboradas polos profesores dos distintos departamentos do Muralla Romana. As cuestións tipo test e as respostas realízanse a través de ordenadores.


Ao remate, haberá entrega de premios aos gañadores. Os equipos que se clasifiquen nos tres primeiros postos recibirán unha tableta para cada un dos seus membros, o cuarto uns altofalantes, e haberá un accésit dotado cunha batería portátil.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet