Produtora » Novas da Fundación TIC

05/05/2016

A Fundación TIC súmase este sábado á celebración do 50 aniversario do IES Basanta Silva de Vilalba

-Un equipo da TIC realizará unha reportaxe dos actos que o instituto chairego organiza na céntrica Praza da vila para conmemorar esta data

A Fundación TIC súmase este sábado 7 de maio á celebración dos 50 anos que cumpre neste curso o IES Basanta Silva de Vilalba, para contribuír á conmemoración desta data tan especial. Para dito fin, un equipo da TIC realizará unha reportaxe sobre os actos que ten preparados, ao longo de todo o día, o centro público de educación secundaria na céntrica Praza da Constitución da vila chairega.

A xornada de actividades comezará, ás 11 da mañá, cun pasacalles da Banda de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. Acto seguido, actuarán os grupos de música tradicional de Vilalba que darán paso, ás 15.00 horas, ao gran xantar popular para o que hai 800 prazas dispoñibles. Xa, ás 20.00 horas, terá lugar un concerto da banda de música local e, finalmente, será a actuación da orquestra Suavecito, ás 22.30 horas, á que porá o broche final á festa.

Co fin de que o evento teña a máxima difusión, o traballo audiovisual que editará a TIC divulgarase en redes sociais e varios medios de comunicación.

Medio século de vida

O Instituto de Educación Secundaria Santiago Basanta Silva abre as súas portas no mes de novembro do ano 1966, como dous institutos distintos. Por unha banda, nace o Bacharelato Técnico Masculino e, por outra, o feminino que dependía da sección delegada do de Lugo.

É no curso escolar do 1969/1970 cando chega a unificación, e sete anos despois o centro recibe o actual nome Santiago Basanta Silva, que era un avogado do Estado con importantes postos na Administración e membro da Real Academia de Xurisprudencia. Na actualidade, o Basanta Silva conta con 550 alumnos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet