Produtora » Novas da Fundación TIC

03/06/2016

A TIC apoia ao comercio de Monforte na Pasarela Monumental na que participarán 30 establecementos locais


-Un equipo de bolseiros e profesionais realizarán con tres cámaras o espectáculo para a súa posterior difusión e emisión íntegra na canle de Youtube da TIC


-25 modelos profesionais desfilarán cos looks monfortinos por unha pasarela que contará cunha escenografía artística de luxo, cos Escolapios de fondo, e a proxección de vídeos de promoción da Ribeira Sacra


A Fundación TIC, entidade dependente da Deputación, colabora coa Asociación do Centro Comercial Urbano (CCU) na Pasarela Monforte Monumental que se celebra este sábado a partir das 22:00 horas na praza da Compañía, na explanada do emblemático edificio dos Escolapios, e que prevé reunir a numeroso público. En total, 30 establecementos asociados do centro participarán nesta iniciativa de impulso ao comercio local.

Un equipo de profesionais e bolseiros da TIC realizarán con tres cámaras o espectáculo para que transcenda máis aló da súa celebración. Deste xeito, as persoas que non poidan achegarse a Monforte ese día poderán ver a gala íntegra posteriormente, a través da canle de Youtube da TIC. Tamén se elaborarán reportaxes de vídeo para difundir a través das redes sociais e medios de comunicación.

Ademais de dinamizar e poñer en valor ao comercio local, o evento promocionará a Ribeira Sacra e a súa comarca. Ao longo do espectáculo proxectaranse audiovisuais cedidos polo Consello Regulador Denominación de orixe Ribeira Sacra, e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, entidades colaboradoras xunto ao Concello de Monforte, e a Fundación Colexio NªSª da Antiga de Monforte.

Moda, arte e espectáculo

A segunda Pasarela Monforte Monumental contará cun equipo de reputada experiencia en moda e arte que converterán a pasarela, con máis de 20 metros de tarima, nun espectáculo onde a iluminación e a música enxalzará os pases cos Escolapios de fondo. Así, a estilista Luz Lualla, organizadora de eventos como a Midnight Fashion Show do Balneario de Mondariz, será a encargada de seleccionar os looks das tendas participantes que se verán sobre a pasarela. Para iso, contará co soporte artístico do coach de actores e modelos profesionais, e profesor da Escola de Arte Dramático de Galicia, Ermel Morales; e o escenógrafo e iluminador Diego Valeiras.
Dos 30 negocios que exhibirán as súas propostas, o dobre que na pasada edición, 25 serán de moda e os 5 restantes, de comercios doutro que, como novidade, “ofrecerán un aire fresco á cita coa que prevemos superar en asistencia as dúas mil persoas do ano pasado”, apunta o xerente do colectivo comercial, Miguel Ángel González. En canto aos modelos que lucirán a moda monfortina serán en total 25 profesionais, entre eles nenos e 5 modelos curvys, de tallas grandes.

Co comercio local da provincia

A colaboración coa asociación organizadora da Pasarela Monumental encádrase na aposta da Fundación TIC a prol da actividade comercial da provincia. Neste caso, o apoio da Fundación súmase a outras iniciativas como a Noite Aberta de Lugo, a Feira Outlet ou o Street Market dentro do convenio asinado coa Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo.

Por outra banda, a iniciativa permite aos estudantes e bolseiros da Escola de Imaxe e Son realizar unha vez máis prácticas profesionais en escenarios reais, un dos piares básicos da formación de calidade que imparte o único centro na provincia no eido audiovisual.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet