Produtora » Novas da Fundación TIC

13/06/2016

A Escola de Imaxe e Son ten aberta a preinscrición ata o día 21 de xuño nas 40 prazas que ofrece o vindeiro curso


-A lista definitiva de admitidos publicarase o día 3 de xullo, no taboleiro de anuncios da EIS e na web , www.fundaciontic.org, e a matrícula ordinaria poderá formalizarse do día 4 ao 15, de xeito gratuíto

- O único centro da provincia que imparte ensinanzas audiovisuais dispón dunha vintena de postos para cursar primeiro no Ciclo Superior de Realización e no de Produción de Audiovisuais e Espectáculos


A Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, EIS, ten aberta a preinscrición de matrícula gratuíta para o curso 2016-2017 ata o vindeiro martes, día 21 de xuño. A EIS ofrece 40 prazas de primeiro nos Ciclos Superiores de Realización e Produción de Audiovisuais e Espectáculos. As titulacións necesarias para acceder ao único centro da provincia que imparte ensinanza da rama audiovisual son bacharelato, técnico medio ou superior ou universitaria.

A listaxe de admitidos, espera e excluídos publicarase o día 27 de xuño, no taboleiro de anuncios da EIS e na web da TIC, www.fundaciontic.org. Haberá dous días para posibles reclamacións, antes da publicación definitiva o 1 de xullo. Os interesados teñen que presentar a fotocopia do DNI, certificación académica e cumprimentar a solicitude a través de internet ou na EIS. A documentación entregarase na sede do centro, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n de Lugo.

O prazo de matrícula ordinaria permanecerá aberto do luns, día 4 ao venres, 15 de xullo. O impreso necesario e resto de documentación pode descargarse na web da Fundación, para formalizar a tramitación na EIS, en horario de mañá, entre as 9:00 e as 14:00 horas.

No caso de que haxa máis demanda que número de prazas a prioridade para a matriculación será a mellor nota media no bacharelato; o empadroamento nun dos concellos da provincia de Lugo; sexo con menor presenza na rama profesional, e unha entrevista.

Formación gratuíta de calidade

A Deputación mantén a gratuidade da matrícula por noveno curso consecutivo para todos os alumnos, agás os repetidores. Deste xeito, o organismo provincial aposta, un ano máis, por unha educación pública de calidade. A Escola de Imaxe e Son de Lugo imparte 2.000 horas lectivas, distribuídas en dous cursos formativos, nos que se da prioridade ás prácticas en escenarios reais, de cara á inserción laboral dos futuros profesionais.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet