Produtora » Novas da Fundación TIC

27/06/2016

Darío Campos defende o ensino de calidade e a igualdade de oportunidades no acto de clausura do curso da EIS

-O Presidente da TIC dixo que “o vindeiro curso mantemos a gratuidade da matrícula porque vemos a educación como un investimento e a igualdade de oportunidades como un dereito”

-Os alumnos de 1º encargáronse da organización e gravación da Gala e os 27 novos titulados presentaron dúas curtametraxes e tres videoclips elaborados no último curso

-Representantes de medios de comunicación e de produtoras da provincia asistiron ao acto que contou coa actuación da exalumna Carmen Picado

O Presidente da TIC e da Deputación de Lugo, Darío Campos, clausurou este martes o curso 2015-2016 da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanza superior da rama audiovisual. Campos dixo que que “este é un dos actos máis importantes do ano para todos os que formamos a familia da TIC: a graduación dos nosos novos titulados. 27 mozos e mozas preparados para as esixentes demandas do sector audiovisual, xa que o noso modelo formativo suma á formación teórica unha ampla e intensa formación práctica en escenarios reais”.

Darío Campos, que estivo acompañado por membros do Padroado da TIC, afirmou que “un claro exemplo da formación práctica é esta mesma Gala, organizada ata o último detalle polo alumnado de primeiro, así como os as dúas curtametraxes e os tres videoclips que nos presentan hoxe os estudantes de segundo”. Ademais de familiares e amigos, tamén asistiron ao acto representantes de medios de comunicación da provincia e de varias produtoras. “Esta é unha boa oportunidade para que coñezan de primeira man aos futuros profesionais lucenses do audiovisual”, apuntou o Presidente da TIC.

Ensino de calidade e igualdade de oportunidades

O máximo responsable provincial subliñou que “a formación que imparte a Escola de Imaxe e Son de Lugo é froito da aposta que a Deputación fixo hai nove anos por un ensino de calidade e a igualdade de oportunidades”. Anuncio que o actual Goberno provincial manterá a gratuidade de matrícula. “Facémolo porque nós vemos a educación como un investimento e a igualdade de oportunidades como un dereito. Queremos que todos os mozos e mozas de nosa provincia con talento e vocación poidan acceder á nosa Escola”.

Gala organizada polo alumnado de primeiro

Os alumnos de primeiro de Produción foron os encargados de organizar a Gala, dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos. Pola súa banda, os estudantes de primeiro de Realización, tamén puxeron os seus coñecementos en práctica coa realización e gravación do evento.

Durante a Gala presentáronse os traballos que elaboraron os novos titulados no último curso, dúas curtametraxes: El Puzzle e Número oculto, e tres videoclips do cantante Hugo Torreiro e os grupos Cromática Pistona e Licor Café Rock Band. O acto incluíu dúas actuación musicais da cantante e exalumna da EIS, Carmen Picado. Campos dixo que “isto non é unha despedida. Todos os nosos titulados forman parte a TIC. E, dentro das nosas posibilidades, seguiremos apoiándoos nos proxectos que emprendan no futuro”.

Prazos para o vindeiro curso

A matrícula para o curso 2016- 2017 será gratuíta por noveno ano consecutivo. O prazo de preinscrición para as 40 prazas de primeiro dos Ciclos Superiores de Realización e Produción de Audiovisuais e Espectáculos rematou este martes. O 27 publicarase a lista de admitidos, espera e excluídos no taboleiro de anuncios da EIS e na web da TIC, HYPERLINK "http://www.fundaciontic.org" www.fundaciontic.org. Haberá dous días para posibles reclamacións antes de publicación definitiva, o 1 de xullo. O prazo de matrícula ordinaria ordinaria permanecerá aberto do 4 ao 15 de xullo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet