Produtora » Novas da Fundación TIC

15/09/2016

29 cursos gratuítos e Alimentatic no programa de actividades para maiores do InLugo no último trimestre de 2016


-Darío Campos destacou a alta demanda que teñen estas actividades “o que avala a aposta da Deputación de Lugo e da Fundación TIC pola alfabetización dixital dos maiores da provincia”

-O InLugo impartirá na súa sede 5 cursos máis que no anterior trimestre cun total de 393 prazas. Os interesados poden inscribirse desde este 14 de setembro a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186

-Alimentatic inclúe 15 talleres sobre alimentación saudable distribuídos en todas as comarcas da provincia e unha guía en formato dixital con consellos e menús semanais

-Haberá xornadas dedicadas ao Nadal e ao Día do Maior e actividades na rúa, como un obradoiro de fotografía no San Froilán


O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, presentou este mércores o programa de actividades para os maiores do InLugo no último trimestre de 2016, que inclúe máis cursos, varias novidades e máis presenza na provincia e na rúa.


O máximo responsable provincial, que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que “hoxe mesmo se abre o prazo para inscribirse nos 29 cursos gratuítos que se impartirán na sede do InLugo, cinco máis que no trimestre anterior, cun total de 393 prazas”. Neste senso, destacou a alta demanda que teñen estas actividades formativas sobre o emprego de novas tecnoloxías e lembrou que “na anterior tempada, cubríronse todas as prazas o mesmo día da apertura de prazo”.


Campos amosou a súa satisfacción por que “a aposta da Deputación e da Fundación TIC pola alfabetización dixital dos lucenses de máis de 55 anos como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida, se vexa correspondida coa boa acollida que teñen estes cursos e obradoiros entre os usuarios”.


Móbil e fotografía, os cursos máis demandados

A nova tempada na sede do InLugo fará especial fincapé en dúas materias: os cursos e obradoiros relacionados co uso do móbil e a fotografía, os máis demandados, e inclúe dous talleres novos: “Facemos vídeo con fotografía” e “Taller de retoque fotográfico”. O prazo de inscrición ábrese este mércores, 14 de setembro. Os interesados poden apuntarse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186.


Alimentatic: dieta e saúde

Con motivo da celebración, o 16 de outubro, do Día Mundial da Alimentación, o InLugo organizará ata finais de ano 15 talleres distribuídos en todas as comarcas da provincia, e dúas conferencias maxistrais sobre a importancia de mellorar as prácticas alimentarias a través das tic.

“Todos sabemos que unha alimentación saudable é recomendable en calquera etapa da vida, pero faise especialmente necesaria cando imos sumando anos. En moitos casos, coa idade consolidamos uns hábitos que non son os máis axeitados. O obxectivo de Alimentatic é, precisamente, ensinar aos nosos maiores a coidar da súa saúde cunha dieta saudable empregando as novas tecnoloxías”, apuntou Campos.
Ademais de participar nestes obradoiros, nos que haberá postos con alimentos saudables para os asistentes, “os maiores terán a súa disposición unha guía de alimentación en formato dixital co deseño, por exemplo, dun menú semanal saudable ou con consellos para comer ben a prezos económicos”.


O InLugo na rúa

O Presidente provincial tamén avanzou que neste trimestre o InLugo desenvolverá varias xornadas monográficas, como as dedicadas ao Nadal ou ao Día do Maior, e que sairá á rúa con diversas actividades para achegar á sociedade o traballo que desenvolve. “Unha das máis próximas será no San Froilán, un escaparate excelente para que todos os lucenses e visitantes que veñen ás festas patronais de Lugo nos coñezan de primeira man, neste caso concreto, cun taller de fotografía”.


Todas estas actuacións desenvólvense no marco do programa de “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia”, que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación.




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet