Produtora » Novas da Fundación TIC

21/09/2016

Santos: “ Oliver Laxe é o mellor exemplo para o alumnado da TIC pola súa xuventude e recoñecemento internacional”

  • archivos/fotos/grandes/3113_210916 Foto-inauguracion-TIC(1).JPG

  • archivos/fotos/grandes/3113_210916 Foto-2-inauguracion-TIC.jpg








-Laxe, gañador do premio da Semana da Crítica de Cannes por “Mimosas” e referente do Novo Cinema Galego, compartiu a súa experiencia cos alumnos e alumnas na inauguración do curso

-O Vicepresidente provincial anima aos estudantes a que “aproveitedes ao máximo o esforzo económico que fai a Deputación para garantir a igualdade de oportunidades”

-Oliver Laxe súmase á lista de profesionais de prestixio que pasaron pola EIS, como Gracia Querejeta, Dani de la Torre, Imanol Uribe, Jose Luis Cureda ou Luis Tosar”

O patrón da Fundación TIC e Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, e o director Oliver Laxe inauguraron este mércores o curso 2016-17 da Escola de Imaxe e Son da TIC. Santos afirmou que “é un privilexio contar coa presenza de Oliver Laxe, un director galego que con tan só 34 anos xa recibiu dous premios no Festival de Cannes –o Gran Premio da Crítica por “Mimosas” e o Fipresci na Quicena de Realizadores por “Todos vós sodes capitáns”-, un recoñecemento reservado a moi poucos cineastas a nivel internacional”.

Álvaro Santos dixo ante o alumando da Escola que “pola súa xuventude e traxectoria e por ser un cineasta galego, Laxe é un excelente exemplo de que con talento e esforzo se pode chegar ao máis alto no mundo audiovisual desde Galicia e desde moi novo”.
Lembrou que “algúns de vós xa tivestes a sorte traballar ás súas ordes, no obradoiro sobre a rodaxe dunha curta, un traballo en colaboración con Anade que se proxectará na clausura da Semana Internacional de Cine de Autor”.

Igualdade de oportunidades

O Vicepresidente provincial animou aos estudantes a que “espremades ao máximo o voso paso pola EIS e aproveitedes os medios que tedes a vosa disposición e todas as oportunidades que se vos presenten, como este encontro cun director da traxectoria de Laxe”.
Neste senso, destacou que o “Goberno da Deputación decidiu manter, un ano máis, a gratuidade da matrícula para garantir un dereito no que cremos firmemente: a igualdade de oportunidades. Facemos un importante esforzo económico para que calquera mozo ou moza lucense con vocación no audiovisual poida acceder a unha formación de calidade”.

Novo Cinema Galego

Oliver Laxe é un dos referentes do Novo Cinema Galego, unha corrente cinematográfica que logrou situar a Galicia e aos cineastas galegos no mapa mundial do cine de calidade, cunha repercusión e un recoñecemento internacional sen precedentes na historia recente do cine español.

Fillo de emigrantes, naceu en París en 1982. Aos seis anos retornou coa súa familia a Galicia. Despois de estudar cine na Universidade Pompeu Fabra, marchou a Londres, onde rodou en 2006 a curta “Y las chimeneas decidieron escapar”, en colaboración con Enrique Aguilar.

Despois mudouse Tánger. Na cidade marroquí realizou “Suena una trompeta, ahora veo otra cara” e “París #1”. Coa súa primeira longametraxe “Todos vós sodes capitáns”, gañou o premio Fipresci na Quincena de Realizadores de Cannes en 2010, e coa segunda, “Mimosas” o Gran Premio da Crítica deste Festival en 2016.

Profesionais de prestixio cos alumnos da TIC

Oliver Laxe súmase á longa lista de profesionais de prestixio que expuxeron a súa experiencia aos alumnos da TIC, como os directores Dani de la Torre, Gracia Querejeta, Imanol Uribe, José Luis Cuerda, Ángel de la Cruz ou Jorge Coira; os produtores José María Besteiro, Julio Fernández e Pedro Revaldería; os actores Luis Tosar e Antonio Mourelos; o compositor e produtor musical Arturo Vaquero.




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet