Produtora » Novas da Fundación TIC

18/11/2016

A TIC da Deputación aproba un orzamento máis social e cunha forte aposta pola promoción dos recursos da provincia


- O Padroado aprobou este xoves o presuposto para 2017 de 1,8 millóns de euros para máis cursos gratuítos dirixidos a maiores, colaborar con todos os Concellos e co conxunto do tecido asociativo e manter un ensino de calidade e con matrícula gratis na Escola de Imaxe e Son

- Campos avanzou que por décimo ano consecutivo a matrícula da EIS será gratuíta, que se incrementarán os cursos do InLugo, nos que xa participan máis de 2.000 maiores, así como as colaboracións con todos os municipios e o tecido asociativo, cando estas xa superan as 160

O Padroado da TIC da Deputación aprobou este xoves o presuposto para 2017, que ascende a 1,8 millóns euros, a mesma cantidade que no presente exercicio. O Presidente, Darío Campos Conde, informou que se trata dun presuposto máis social e cunha forte aposta pola promoción dos recursos da provincia, pois contempla a realización de máis cursos gratuítos sobre novas tecnoloxías para maiores, a colaboración con todos os Concellos para a promoción dos seus recursos, así como co conxunto do tecido asociativo para promover a súa actividade; ademais de manter un ensino de calidade e con matrícula gratis dende a Escola de Imaxe e Son.

Campos Conde avanzou que “son máis sociais porque continuamos apostando polo ensino gratuíto e de calidade na Escola de Imaxe e Son; pola integración dos nosos maiores no eido nas novas tecnoloxías; e pola constante colaboración co tecido asociativo. Ademais, tamén seguiremos colaborando con todos e cada un dos Concellos lucenses para a promoción dos recursos turísticos da nosa provincia”.

Matrícula gratis: igualdade de oportunidades

O máximo responsable provincial anunciou que o vindeiro curso manterase, por décimo curso consecutivo, a matrícula gratuíta na Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanza superior de realización e produción. Campos dixo que “destinaremos parte dos recursos da TIC a garantir a igualdade de oportunidades como un piar fundamental do sistema educativo que defendemos desde que entramos no Goberno provincial. Facemos este esforzo inversor porque queremos que os mozos mozas lucenses con vocación no audiovisual poidan acceder á nosa Escola, independentemente do poder adquisitivo das súas familias”.

Campos dixo que, ademais da igualdade de oportunidades, “na TIC apostamos por un ensino de calidade. Por iso, faremos fincapé nun dos sinais de identidade do noso modelo educativo: as prácticas dos nosos alumnos en escenarios reais e as actividades complementarias coa experiencia de profesionais de prestixio. O noso obxectivo é que o alumnado da EIS saia cunha formación adecuada á demanda do mercado”.


Banco dixital de recordos aberto a toda a sociedade

Darío Campos valorou especialmente o labor que está a desenvolver a TIC a través do InLugo, que mantén unha encomenda da Deputación por valor de 175.000 euros para continuar co Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia. “Incrementamos o número de accións formativas para lucenses de máis de 55 anos, pois teñen unha alta demanda. Este ano participaron nas mesmas máis de 2.000 persoas. Creo que as novas tecnoloxías son unha ferramenta moi útil para mellorar a calidade de vida dos maiores nunha provincia como a nosa, cunha poboación envellecida e dispersa. De aí a importancia do traballo da TIC coa alfabetización dixital dos maiores”. Neste senso, avanzou que en 2017 o InLugo, ademais das actividades que desenvolve na súa sede, incrementará as que se desprazan por toda a provincia.

O Presidente provincial tamén anunciou que a TIC reforzará o banco de recordos Memoria Dixital Lugo, “que naceu da man do InLugo e que agora ampliamos a todos os lucenses interesados en formar parte dun arquivo sen precedentes da nosa provincia”.

Labor social: máis de 160 convenios

Outro dos piares nos que a TIC centrará o seu traballo en 2017 será o labor social a través do apoio ao tecido asociativo da provincia. “Neste momento xa superamos os 160 convenios de colaboración con entidades sociais, culturais e deportivas sen ánimo de lucro, co obxectivo de contribuír a difundir o labor que estas organizacións desenvolven a prol dos lucenses”.

Tamén destacou o traballo de promoción da provincia, tanto desde o punto de vista turístico como económico, así como a cooperación cos Concellos con contidos audiovisuais que difunden as actividades que promoven as Entidades Locais e anunciou que “seguiremos a traballar a través da Lugo Film Commisión na promoción da nosa provincia como destino de gravación e rodaxe de audiovisuais.

Integración da TIC na Deputación

Hoxe tamén tivo lugar unha reunión de traballo da comisión técnica que está a avaliar a posibilidade de integrar todos os servizos e o persoal da TIC na Deputación, avanzando na realización dos informes xurídicos e económicos necesarios.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet