Produtora » Novas da Fundación TIC

18/11/2016

Alumnos e traballadores da TIC súmanse á loita contra a violencia machista o 23 de novembro con En Camiño contra a Violencia

-Os participantes percorrerán un camiño de pegadas negras entre San Marcos e a EIS con varias paradas e actividades que organizan os alumnos de primeiro de Produción

-Campos animou “a todos os cidadáns que o desexen a que se unan á marcha, que arrancará ás 11.30 horas da Deputación. Cantos máis sexamos, máis visibilidade lle daremos a esta loita”

-A TIC tamén está a elaborar un vídeo coa letra da canción “Que nadie” de Manuel Carrasco no que participan diversos colectivos e asociacións da provincia

Os alumnos e traballadores da Fundación TIC da Deputación súmanse á loita contra a violencia machista con varias actividades, entre as que destaca En Camiño contra a Violencia, un proxecto que se desenvolverá o mércores 23 de novembro, e que foi presentado este venres na sede da Escola de Imaxe e Son da TIC polo Presidente da entidade e da Deputación, Darío Campos.

Campos, que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dixo que “é dun camiño de pegadas negras que seguiremos desde a Praza de San Marcos ata a sede da EIS. A andaina, con varias paradas e actividades, ten por obxectivo manifestar a nosa repulsa contra a violencia de xénero, apoiar ás vítimas e concienciar sobre a importancia de denunciar os actos violentos contra as mulleres”. O Presidente provincial animou “a todos os cidadáns que o desexen a que se unan á marcha. Cantos máis sexamos, máis visibilidade lle daremos a esta loita”.

Implicación do alumnado

En Camiño contra a Violencia recolle as propostas dos alumnos e alumnas de primeiro de produción da EIS, que tamén son os encargados da súa organización. Neste senso, o máximo responsable provincial dixo que “para min é unha satisfacción a implicación do noso alumnado nesta campaña porque a loita contra a violencia de xénero debe comezar coa concienciación dos máis novos. A educación no respecto é fundamental para facer realidade o noso obxectivo como sociedade: que non haxa ningunha soa vítima máis”.

Programa de En Camiño contra a Violencia

Un representante dos alumnos de primeiro de Produción, Anxo Laxe, foi o encargado de detallar o programa. Segundo avanzou, En camiño contra a violencia arrancará ás 11.30 horas na Praza de San Marcos, onde haberá unha posta en escena que inclúe fotografía, danza e música, e na que colabora a USC con bailaríns e o coreógrafo Juan Carlos Zahera. Todos os cidadáns que se animen a participar na marcha recibirán unha camiseta negra co logotipo da campaña de Lugo en negro.

Os participantes seguirán as pegadas ata a Praza Maior. Alí proxectaranse escenas de películas, a maioría de cine clásico, entre outras, de “China Town” ou “Te doy mis ojos”, nas que se amosará a violencia encuberta. A marcha atravesará a Praza de Santa María e fará unha nova parada na Porta de Santiago. No monumento Patrimonio da Humanidade actuará un mimo. O Camiño rematará na Escola, que recibirá aos participantes vestida de loito en sinal de dó polas vítimas de xénero.

Que nadie...

Ademais deste proxecto, a TIC tamén colabora con outras iniciativas na campaña Lugo en negro. A entidade dependente da Deputación é a encargada de gravar e editar un vídeo que ten como base a letra da canción “Que nadie” de Manuel Carrasco. O vídeo está protagonizado por representantes dunha trintena de asociacións e diversos colectivos, así como de grupos municipais e pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Ademais, a TIC elaborará diversas reportaxes para difundir a campaña En negro contra a violencia á que se sumaron varios Concellos da provincia.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet