Produtora » Novas da Fundación TIC

07/12/2016

A TIC colabora na nova obra de Achádego Teatro coa estrea o 10 de decembro a beneficio do Banco de Alimentos


- Balas sobre Brodway baseada na película de Woody Allen, inclúe a proxección de varias escenas rodadas e editadas pola TIC, a dobraxe de escenas do filme orixinal e a gravación íntegra da obra para a súa promoción

-Álvaro Santos destacou “a colaboración da TIC con Achádego, o grupo de teatro afeccionado de maior tradición en Lugo, que está a levar a cultura por toda a provincia”

-A estrea será o sábado ás 20.30 horas no Auditorio Gustavo Freire cunha entrada de cinco euros


O patrón da Fundación TIC e Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, participou este luns na presentación da nova obra de Achádego Teatro, “Balas sobre Brodway, na que a TIC colabora con varios audiovisuais que forman parte desta montaxe baseada na película de Woody Allen. A obra estrearase o 10 de decembro ás 20:30 horas no Auditorio Gustavo Freire, unha función solidaria que organiza a compañía teatral todos os anos a prol dunha ONG, neste caso, o Banco de Alimentos.

Álvaro Santos destacou “a estreita colaboración que vimos mantendo nos últimos anos con Achádego, o grupo de teatro afeccionado de maior tradición en Lugo, que ten xa unha traxectoria de 28 anos. Esta compañía realiza un importante labor, xa que está a levar a cultura por toda a provincia ata Concellos nos que é pouco habitual que cheguen montaxes deste nivel”.

Na presentación, o patrón da TIC estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, a directora de Achádego, Tareixa Campo, o director da obra, Antón Sampaio, e a secretaria da compañía, Lourdes Abuide.

A colaboración da TIC

Segundo subliñou Santos, “a TIC rodou varias escenas no polígono das Gándaras e no Cemiterio de Soutomerille en Castroverde, que se proxectarán durante a representación. A nosa colaboración tamén inclúe a dobraxe de escenas da película orixinal e a gravación con varias cámaras da estrea da obra o 10 de decembro para a súa posterior promoción”.

A obra é unha adaptación teatral da película de Woody Allen e unha homenaxe ao cine. Narra cun ritmo trepidante unha historia ambientada no mundo dos gánsters durante e Lei Seca dos anos 20 do século pasado. Nela participan 14 actores e actrices e un amplo equipo de son e vestiario. O obxectivo do grupo é chegar á maior parte dos teatros galegos con esta aposta diferente a todo o realizado ata o momento.

A prol do Banco de Alimentos

A estrea da obra ten unha finalidade solidaria. Os cinco euros da entrada destinaranse integramente ao Banco de Alimentos. Ademais, “neste caso hai que engadir a finalidade solidaria desta función. A TIC tamén está moi satisfeita de contribuír a recadar fondos para unha organización como o Banco de Alimentos, que está a realizar un importante labor social na nosa provincial”, apuntou Álvaro Santos. A TIC tamén colaborou na Gala Solidaria de Achádego do ano pasado, na que se puxo en escena o espectáculo “Toda a terra é dos homes”. Neste caso a recadación destinouse á Cruz Vermella.

28 anos de traxectoria

Achádego Teatro celebra o 10 de decembro o aniversario da súa creación en 1988. Nestes 28 anos, a compañía fundada por Tareixa Campo e Antón Sampaio, levou a cabo 20 montaxes de gran formato e numerosas participacións en diversas actividades culturais. Está formada por unha vintena de compoñentes.

Dentro do convenio da TIC con Achádego Teatro, xa houbo outras colaboracións coma os audiovisuais que se proxectan durante a representación das obras “O barco sen mariñeiro”, que a compañía teatral lucense está a levar a varios puntos da xeografía galega desde a súa estrea en 2013.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet