Produtora » Novas da Fundación TIC

21/12/2016

Éxito de participación no Nadaltic do InLugo con diversas actividades lúdicas relacionadas coas novas tecnoloxías


-Darío Campos participa no manniquin challenge co que os lucenses de máis de 55 anos felicitan as festas e o Aninovo

-A xornada inclúe un obradoiro de Alimentatic, o emprego de apps relacionadas con instrumentos musicais e a elaboración de calendarios de 2017 coas fotos dos participantes

-O Nadaltic, que está aberto a todos os maiores que desexen participar, continuará pola tarde en horario de 16:30 a 19:30 na sede do InLugo

Numerosos lucenses de máis de 55 anos están a participar este mércores no Nadaltic que celebra o InLugo, entidade xestionada pola Fundación TIC da Deputación. O Presidente da TIC e do organismo provincial, Darío Campos, compartiu esta xornada cos asistentes e participou nun manniquin challenge co que os maiores felicitarán as festas e o Aninovo.

Campos dixo que “este é un xeito lúdico e divertido de que os maiores da nosa provincia empreguen as novas tecnoloxías e tamén de que estean á última no que se move nas redes sociais, como é o caso do mannequin challenge, un fenómeno viral que arrasa en todo o mundo”.

O Nadaltic inclúe numerosas actividades relacionadas coas novas tecnoloxías. Os participantes poden crear música e sons con diversas apps, ser os protagonistas dun calendario de 2017 e recibir consellos sobre os mellores hábitos de alimentación, especialmente nesta época de excesos na mesa. A xornada, que está aberta a todos os maiores interesados, continuará pola tarde en horario de 16.30 a 19.30.

Un xeito lúdico de achegarse ás novas tecnoloxías

A música está a ter un protagonismo especial durante a xornada, coa que se culmina a programación de actividades do último trimestre de 2016 do InLugo. Nunha das aulas, os maiores teñen acceso a diversas apps, con forma de piano ou cordas de guitarra, coas que poden crear música e sons. O obxectivo é que os maiores se introduzan no mundo das novas tecnoloxías un xeito divertido.

Ademais, cada participante leva un recordo en forma de fotografía tomada cun croma de fondo, e que terá unha utilidade todo o ano, xa que pola parte de atrás é un calendario de 2017. Ademais de levar a instantánea impresa, esta estará a súa disposición nas redes sociais.

A xornada inclúe o obradoiro de Alimentatic, que este trimestre estivo a percorrer todas as comarcas da provincia. Un especialista en nutrición imparte pequenas charlas sobre os mellores hábitos de alimentación para a poboación en xeral, e os maiores en particular, así como coñecementos básicos de nutrición nunhas datas habituais de excesos como o Nadal.




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet