Produtora » Novas da Fundación TIC

13/01/2017

A TIC contribúe cun vídeo á promoción e comercialización dos cabritos e años da nova marca Pastores de Galicia


-Santos dixo que “apoiamos a venda dos nosos produtos para promover o desenvolvemento económico e sostible no rural, e para iso debemos poñelos en valor e dalos a coñecer”

-O traballo presentouse no mercado de Lugo nun acto que incluíu unha showcooking con degustación para achegar ao consumidor a calidade da carne destes animais criados ao aire libre

-Produtores lugueses protagonizan o vídeo no que se amosan os métodos de crianza natural, baseados no pastoreo, que os diferenza dos empregados no resto de España

A Fundación TIC da Deputación vén de presentar na praza de Abastos de Lugo o vídeo que promociona os cabritos e años galegos que se comercializan baixo o novo selo Pastores de Galicia. O patrón da TIC e Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, foi o encargado de dar paso á proxección do audiovisual e destacou que “queremos que se vendan os nosos produtos autóctonos de calidade e, para iso, temos que poñelos en valor e dalos a coñecer con traballos como o que hoxe presentamos aquí”. De aí, engadiu Santos, “a importancia de apoiar un sector en auxe coma este para combater o despoboamento no rural da provincia a través dun desenvolvemento económico e sostible”.

Xunto ao dirixente provincial, participaron no acto a Concelleira de Economía, Rosana Rielo; a presidenta da asociación titular e xestora deste selo (OVICA), Mª Carmen Fernández; a Presidenta da Cooperativa asociada Vélaro, Vanessa Díaz; e un dos técnicos do colectivo e enxeñeiro agrónomo, Carlos Alberto Rodríguez.

Os representantes institucionais tamén participaron na showcooking con degustación que tivo lugar durante o evento para comprobar as numerosas posibilidades que ofrece na cociña esta carne e a calidade do seu sabor. Os organizadores aproveitaron a afluencia de xente que concentra un venres de mercado para repartir, ao longo de toda a mañá, pratos con destes produtos.

Ademais, co audiovisual da TIC os profesionais de OVICA achegan en imaxes ao consumidor como é o coidado e a alimentación do gando criado con selo Pastores de Galicia. O obxectivo é darlle maior visibilidade para concienciar, por en valor e aumentar a comercialización do cordeiro e do cabrito criado na nosa provincia e comunidade.

Gravado en varias explotacións luguesas

O vídeo que promociona a marca Pastores de Galicia foi gravado por un equipo da Fundación TIC en varias explotacións da nosa provincia, en concreto, nos Concellos de Friol e Guntín. Nel amósase o xeito especial de crianza e alimentación natural baseado no pastoreo, que empregan os criadores lugueses integrados nesta marca.

Precisamente, con este audiovisual os responsables do selo queren por en valor e darlle maior visibilidade a esta práctica natural de crianza que, segundo apuntan, marca a diferencia coa que se está a empregar noutras zonas produtoras de gando ovino e cabrún de España.

Apoio a un sector en auxe

Con esta colaboración a TIC apoia os primeiros pasos de Pastores de Galicia, un selo impulsado hai apenas un ano pola Asociación de Criadores de Ovino e Cabrún de Galicia (OVICA), co obxectivo de distinguir no mercado o cabrito e cordeiro galegos nun sector en auxe en España.

Na actualidade, están asociadas en OVICA explotacións de ovino e caprino de toda Galicia con máis de 45.000 reses reprodutoras, que representan en torno ao 20% do sector galego. A intención é que a maior parte destes criadores comercialicen os seus animais con este distintivo de garantía.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet