Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

23/01/2017

O InLugo impartirá 32 cursos gratuítos de novas tecnoloxías a maiores da provincia no 1º trimestre do ano con 555 prazas

-Campos Conde destacou “a labor social que está a realizar a TIC da Deputación a través do InLugo, polo que este ano reforzaremos o noso esforzo para chegar a máis maiores en toda a provincia”

-Unha Semana Tecnolóxica no mes de marzo é a principal novidade da programación que tamén amplía aos luns pola tarde os obradoiros para repasar contidos e inclúe un novo curso de Tablet

-Os interesados xa poden inscribirse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, presentou este luns o programa de actividades do InLugo para o primeiro trimestre de 2017, que inclúe 32 cursos e obradoiros gratuítos para maiores da provincia sobre o uso das novas tecnoloxías. Suman un total de 555 prazas, das que 330 necesitan inscrición, mentres que as outras 225 son de libre acceso.

O máximo responsable provincial, que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dixo que “este ano ampliaremos o número de actividades, atendendo así a alta demanda por parte dos usuarios. De feito, en 2016 as solicitudes case triplicaron o número de prazas convocadas nos cursos con inscrición”.

Campos Conde destacou “a labor social que está a desenvolver a TIC da Deputación, a través do InLugo, que o ano pasado tivo uns 1.500 usuarios, sumando todas actividades, como o NutreTIC ou Memoria Dixital, polo que o Goberno provincial seguirá apostado por achegar as novas tecnoloxías aos maiores da nosa provincia como unha ferramenta moi útil para mellorar a súa calidade de vida”.

Máis actividades

No primeiro trimestre de 2017 impartiranse 32 cursos e obradoiros na sede do InLugo. Para 23 deles, que suman un total de 330 prazas, é necesaria a inscrición. O prazo para apuntarse ábrese este luns. Os interesados xa poden inscribirse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186.

Os outros 9 obradoiros serán de asistencia libre, cun máximo de 225 prazas en total, 25 por actividade. “Neste caso están dirixidos especialmente a usuarios que xa asistiron a algún curso. O obxectivo é, por unha banda, que repasen o aprendido e, por outra, dar cabida nos cursos con inscrición a novos usuarios que nunca participaron nas actividades do InLugo”, apuntou o Presidente da TIC.

Novidades neste trimestre

Unha das principais novidades deste trimestre é a Semana Tecnolóxica, que se desenvolverá do 27 ao 30 de marzo en horario de mañá e tarde. Campos anunciou que “un dos obxectivos desta Semana é axudar aos usuarios do InLugo que necesiten repasar contidos. Pero tamén se realizarán actividades máis avanzadas e específicas, como buscar e descargar aplicacións relacionadas coa saúde, antivirus para ordenador ou móbil ou buscas avanzadas en internet”. Poderán apuntarse un total de 50 persoas, 25 en cada quenda.

Ademais, en 2017 ampliaranse os obradoiros para repetidores aos luns pola tarde. Serán de asistencia libre, polo que non é necesaria a inscrición previa. Campos dixo que “atendemos así a petición do usuarios, que tamén nos tiñan solicitado o nivel dous de tablet, que se impartirá por primeira vez”.

Balance moi positivo

O máximo responsable da TIC da Deputación fixo un balance moi positivo do InLugo en 2016. Tivo uns 1.500 usuarios nas diferentes actividades organizadas durante o ano pasado. Na sede impartíronse 69 cursos e obradoiros con 896 prazas para as que houbo 2.486 solicitudes, case o triplo das prazas convocadas. A estes hai que engadirlle os participantes nos talleres que se desenvolveron por toda a provincia con grande a collida sobre nutrición saudable, uso do móbil e divulgación e recompilación de testemuños para a páxina web de Memoria Dixital Lugo.




< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet