Produtora » Novas da Fundación TIC

20/02/2017

Alumnos da TIC participan nun encontro con candidatos á Mellor Dirección de Produción nos Mestre Mateo 2017

  • archivos/fotos/grandes/3411_foto1.jpg

  • archivos/fotos/grandes/3411_foto2.jpg







-Sergio Frade candidato por María y los demás e Felipe Lage por Mimosas expuxeron as súas experiencias aos estudantes, cos que debateron sobre a importancia do director de produción nunha obra audiovisual

- Soilán agradeceu á Academia Galega do Audiovisual que facilite estes encontros cos mellores profesionais galegos e amosou a súa satisfacción “por compartir a misión de promover a produción audiovisual en Galicia”

-Dous alumnos de Produción colaborarán na organización da Gala de entrega dos Mestre Mateo como unha das prácticas en escenarios reais que os estudantes da EIS realizan durante o curso

Os alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS) participaron este luns nunha xuntanza con dous dos candidatos á Mellor Dirección de Produción da XV edición dos Premios Mestre Mateo que se entregarán o 4 de marzo na Coruña. Sergio Frade, candidato por María y los demás, e Felipe Lage por Mimosas expuxeron a súa experiencia nesta mesa redonda, encadrada nos Encontros que organiza cada ano a Academia do Audiovisual Galego como preámbulo á Gala de entrega dos premios.

A xerente da Fundación TIC, Margarita Soilán, agradeceu esta iniciativa da Academia que “permite ao noso alumnado manter un interesante debate con profesionais galegos que trunfan coas súas producións”. Por iso animou aos estudantes a que “aproveitedes unha ocasión coma esta, na que tedes a oportunidade de ter un contacto directo con profesionais de gran nivel cos que quizás máis adiante traballaredes man a man”.
Soilán tamén amosou a súa satisfacción polo feito de que a TIC forme parte da Academia, “coa que compartimos a misión de promover a produción audiovisual na nosa Comunidade”, e anunciou que dous alumnos do ciclo de Produción colaborarán activamente na organización da Gala de entrega dos Mestre Mateo, “una das prácticas reais que os nosos estudantes realizan durante o curso académico”.

Director de produción: figura clave

A xerente destacou ante os alumnos a importancia do director de produción, “unha figura clave na creación dunha obra audiovisual, tanto cinematográfica como televisiva. Está presente desde a aprobación definitiva do guión ata o final do proxecto, incluída a súa promoción. Debe ter amplos coñecementos técnicos, visión artística e tamén don de xentes para coordinar os diferentes gremios. Ademais, é o encargado de coidar que a realización da película se desenvolva o menos lonxe posible das previsións do presuposto establecido”.

Produtores de éxito

Sergio Frade fundou en 2008, xunto con outros profesionais, Frida Films, que ten por obxectivo desenvolver contidos innovadores para cine, televisión e formatos multimedia, implicándose en todo o proceso, desde a súa creación ata a súa comercialización. Con Frida Films produciron os documentais La mujer del Eternauta, El Arca de Noé e Los increíbles e a longametraxe María y los demás, que se proxectou en numerosos festivais como San Sebastián, Montreal ou Sitges.

Pola súa banda, Felipe Lage dirixe Zeitun Films, produtora cinematográfica creada en 2009 cun marcado compromiso artístico e cultural que aposta por un cine comprometido e realizado por autores emerxentes. Zeitun Films está detrás dalgunhas das principais obras do Novo Cinema Galego. É responsable de películas como Todos vós sodes capitáns, premio FIPRESCI no Festival de Cannes; O quinto evanxelio de Gaspar Hauser ou Costa da Morte. O último proxecto producido é Mimosas, de Oliver Laxe, que gañou o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes.

Encontros cos mellores

A Fundación TIC acolle cada ano estes encontros, que que organiza a Academia do Audiovisual coa finalidade de que os alumnos coñezan de primeira man o traballo dos mellores profesionais de Galicia. En cada edición dos Mestre Mateo achéganse á Escola de Imaxe e Son candidatos de diferentes categorías. Na pasada, foron os produtores de El Desconocido, Emma Lustres e de Lobos Sucios, Carlos Amoedo xunto ao actor Hugo Torres de Las Altas Presiones os que compartiron as súas experiencias cos alumnos da EIS de Lugo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet