Produtora » Novas da Fundación TIC

23/03/2017

A TIC e a AECC colaborarán para difundir na provincia campañas de sensibilización e concienciación na loita contra o cancro


- Santos e Abelleira asinaron o convenio na sede da entidade social e fixeron un percorrido polas instalacións e os distintos departamentos nos que traballan

- Con este acordo, a TIC contribúe a concienciar sobre a importancia da loita contra unha das principias causas de morte en España, evitable no 40% dos casos cun estilo de vida saudable

- A primeira colaboración ao abeiro deste convenio será a gravación dun taller de alimentación saudable o 29 de marzo no HULA dirixido a pacientes oncolóxicos e aos seus familiares

O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e a Presidenta da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Lugo, Mariluz Abelleira, asinaron este xoves un convenio de colaboración para dar maior visibilidade ao labor que leva a cabo este colectivo na provincia na loita contra esta enfermidade.

Deste xeito, con este acordo a TIC da Deputación contribuirá a que campañas de sensibilización e concienciación postas en marcha pola asociación cheguen a un maior número de persoas a través da promoción e difusión de audiovisuais en medios de comunicación e redes sociais, co obxectivo de sumar esforzos e recadar fondos para paliar unha das principais causas de morte en España. De feito, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), un de cada tres homes e unha de cada catro mulleres veranse afectados ao longo da súa vida por esta patoloxía.

Trala sinatura do convenio, que tivo lugar na sede que a entidade social ten en Lugo, o patrón da Fundación TIC, acompañado da responsable da organización, fixo un percorrido polas las instalacións para comprobar de primeira man o traballo que realizan nos distintos departamentos da xunta provincial de Lugo de AECC. Esta asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.

Primeira colaboración

A primeira colaboración ao abeiro deste convenio entre a Fundación TIC e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) será a gravación íntegra e posterior difusión do taller de alimentación saudable que a entidade levará a cabo o vindeiro 29 de marzo na cafetería do persoal do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

A actividade, que está dirixida a pacientes oncolóxicos e aos seus familiares, contará co relatorio dun profesional do Colexio Galego de Nutricionistas, e a demostración a cargo do cociñeiro do hospital lucense da elaboración dun menú que cubre as necesidades nutricionais para as persoas que estean baixo un tratamento contra a enfermidade. Segundo os datos da AECC, aproximadamente o 40% dos cancros poderían evitarse seguindo un estilo de vida saudable.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet